Vostede está aquí

Benvida da conselleira

O mar é un elemento que define e caracteriza boa parte da riqueza da nosa terra e unha fonte de recursos moi prezada, pois arredor del configúrase un sector primario estratéxico a nivel económico, social e tamén cultural.

De aí a importancia de que sexamos conscientes deste tesouro único que nos brinda a nosa terra, porque asumir e ter claro o privilexio que ternos de contar cos recursos que nos aporta, é a mellor arma para coidalo e defendelo. É o mellor xeito de construír futuro. Un futuro que pasa por seguir pescando e mariscando e fundamentalmente por saber vender, dotar de valor engadido os nosos peixes e mariscos e saber difundir a súa calidade alén da nosas fronteiras.

Un futuro que, para non quedar atrás, tamén pasa por coller o tren da acuicultura sustentable e compatible coa actividade extractiva e co medio ambiente. Non hai máis que ver as 3.300 bateas de mexillón que albergan as nosas rías para entender que Galicia tamén ten que dicir neste eido.

E a mellor maneira de facer camiño é xuntos, sumando esforzos entre Administración, sector e científicos. Porque a fusión de saberes e de traballo destes tres ámbitos é decisiva para a traxectqria do noso complexo mar-industria e porque a mellor forma de ordenar e xestionar o mar e o sector é da man do sector, remando xuntos para promover o aproveitamento racional e sustentable do noso mar, pois quen lle aporta valor son as súas xentes, os seus profesionais.

A eles dedicamos principalmente este espazo, que tamén busca ser unha ferramenta para futuros profesionais e para a cidadanía en xeral. Un espazo que ademais pretende ser de axuda para presumir da extraordinaria despensa que alberga o carácter único das nosas rías. Benvidos a todos e a todas a esta casa, a vosa casa.