Vostede está aquí

Flota Costeira

As embarcacións correspondentes á frota costeira teñen unha importancia social fundamental en Galicia. Trátase dunha frota moi numerosa. Está formada por buques de pequeno porte, cun arqueo moi variable e con características moi heteroxéneas dependendo da arte de pesca que practiquen.

  • A frota de artes menores ou artesanal -na que se inclúe o marisqueo a flote- é a máis importante en número de embarcacións. Forman esta frota preto de 4.000 unidades que faenan en augas interiores, sobre todo nas rías, zonas de competencia exclusiva da Xunta de Galicia. Os seus pescadores explotan especies coma o polbo, a faneca, o congro, o choco, a centola ou a ameixa.
  • A frota de litoral fórmana buques de entre 10 e 150 Toneladas de Rexistro Bruto. Operan preto da costa galega, da cantábrica e da portuguesa. O cerco é a segunda frota más numerosa das de baixura, cuns 148 barcos. A súa permanencia no mar non supera as 24 horas e adoitan pescar lirio, xurelo, xarda, bocarte e sardiña. Cambados, Redondela, Portosín e Malpica son os principais portos base deste segmento de frota.
  • A frota de arrastre de litoral atópase a medio camiño entre a frota de altura e a de baixura. Adícase á captura de pescada, rape, rapante, xurelo e cigala nas augas do caladoiro do Cantábrico, desde Portugal a Francia. Fórmana unhas 70 embarcacións que teñen a súa base principalmente nos portos de Burela, Celeiro, A Coruña, Ribeira, Muros, Marín e Vigo.
  • Completan a frota costeira outro tipo de embarcacións menos numerosas, pero igualmente importantes para algúns portos. Así, faenan 28 embarcacións de palangre de fondo, 4 con rascos e 28 pesqueiros con volanta. A frota de palangre de superficie, de maior porte, alterna o caladoiro nacional co internacional e actualmente está formada por 52 barcos.