Vostede está aquí

Nova

A Consellería do Mar remata as obras de reordenación dos fondeos en San Cibrao, Cervo
  • Portos de Galicia vén de investir 35.000 euros en melloras no peirao pesqueiro

  • Cervo (Lugo), 16 de xuño de 2017.- A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, vén de rematar as obras para a ordenación das embarcacións fondeadas no porto de San Cibrao, no municipio lugués de Cervo. Así o confirmou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á zona.

    A ordenación das embarcacións fondeadas realizouse a través da instalación dun tren de fondeos de 50 metros lineais. Esta dotación permite fixar o punto de fondeo das embarcacións que operan no porto de San Cibrao.

    Durán Hermida explicou que Portos de Galicia destinou máis de 20.000 euros a esta actuación, que dá resposta ás necesidades plantexadas polos usuarios do porto e polo propio Concello de Cervo. Así mesmo, reseñou que a ordenación mediante este sistema permite maior operatividade e seguridade para as embarcacións fondeadas.

    Finalmente, o presidente de Portos indicou que tamén se veñen de rematar os traballos de repavimentación de 430 metros cadrados da explanada do peirao pesqueiro. O novo pavimento será de formigón de 20 centímetros de espesor e o orzamento desta obra é de 15.000 euros.