Vostede está aquí

Nova

A Xunta participa no proxecto europeo Ecodestín para a captación de novos turistas náuticos
  • A inclusión de Portos de Galicia e da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro vén de ser ratificada pola Unión Europea
  • Permitirá percibir investimentos europeos para a mellora da prestación de servizos
     

  • Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2017.- A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia e da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, participará definitivamente no proxecto europeo Ecodestín. A inclusión de ambos organismos nesta iniciativa vén de ser ratificada pola Unión Europea, que confirmou a súa participación en asociación coa Rexión Norte de Portugal. Nela tamén participa a Fundación Deporte Galego.

    O obxectivo principal deste proxecto será a apertura de novos mercados náuticos e a captación de turismo nos portos deportivos de titularidade autonómica. Esta acción enmárcase no Plan estratéxico da náutica recreativa 2012-2020, que o ente público desenvolve para optimizar os recursos do sector e rendibilizar ao máximo as instalacións náutico recreativas.

    Nesta liña, a través do proxecto Ecodestín permitirase diferenciar a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como destino singular náutico e deportivo integrador do importante patrimonio natural e cultural que existe arredor das rías e ríos galegos e portugueses. Así mesmo, preténdese ofrecer esta rexión como un destino único, pese a estar integrado por dous países, de cara aos mercados internacionais como o alemán, inglés, escandinavo, francés e americano.

    A proposta está liderada pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan +) e Portos de Galicia é a entidade pública con maior investimento, un total de case 540.000 euros sobre un proxecto global de 2,2 millóns.

    A través desta iniciativa, a Consellería do Mar pretende converter os peiraos nas pontes de acceso ás vilas náuticas e a oferta patrimonial do interior. Ademais preténdese situar as rías galegas como factor de atracción internacional, seguindo a liña dos fiordos noruegueses. Ademais de participar orzamentariamente no proxecto, promoverase o desenvolvemento de novas ofertas náuticas que teñan como base os portos con valor notable patrimonial.

    Os portos elixidos como portos piloto para o proxecto poderán recibir investimento de fondos europeos para aumentar a capacidade de atraque dos tránsitos e facelos máis accesibles a persoas con discapacidade. Finalmente, tamén se poderán reforzar nestes casos as dotacións tecnolóxicas que melloren os servizos que ofertan os portos aos potenciais turistas náuticos, para buscar a diferenciación con outros portos do Mediterráneo e o Atlántico Norte.