Vostede está aquí

Nova

As confrarías lucenses reciben máis de 144.000 euros en axudas da Consellería do Mar para vixilancia e contratación de biólogos
  • O delegado territorial, José Manuel Balseiro, sinala que o apoio da Xunta permite a contratación de nove profesionais durante doce meses que se encargarán destas tarefas
  • Como novidade as confrarías de Burela e San Cibrao disporán dunha asistencia técnica conxunta, polo que o cen por cen da costa lucense contará cun biólogo de referencia para supervisar os plans de xestión
     

  • Lugo, 8 de febreiro de 2018.- A Consellería do Mar destina máis de 144.000 euros ao conxunto das confrarías lucenses para reforzar a vixilancia e elaborar e supervisar os plans de xestión que garanten a conservación e explotación responsable dos recursos mariños na provincia.

    O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembra que estes apoios permitiron contratar a nove traballadores para tarefas de vixilancia e de asistencia técnica (biólogos), un máis que no anterior período subvencionable.

    As axudas da Xunta chegan a todas as confrarías da provincia e, como principal novidade, a subvención permitirá a contratación dun biólogo que desenvolverá o seu traballo no territorio das concesións das confrarías de Burela e San Cibrao, que ata o de agora carecían desta asistencia técnica.

    Para acceder a esta axudas as confrarías lucenses decidiron compartir servizos e, de feito solicitaron de xeito conxunto esta axuda as confrarías de Celeiro e do Vicedo, Burela e San Cibrao e o pósito de Ribadeo xunto á asociación de mariscadoras de Barreiros, en todos os casos para un período de doce meses (último semestre de 2017 e primeiro semestre de 2018)

    Cos datos desagregados a Xunta subvenciona con 51.840 euros a contratación durante doce meses de dous vixiantes e unha asistencia técnica, para as confrarías de Celeiro e O Vicedo. As achegas para as confrarías de Burela e San Cibrao son de 40.440 euros e permitirán tamén a contratación de dous vixiantes por doce meses e unha asistencia técnica no primeiro semestre de 2018. E, finalmente a confraría de Ribadeo e a agrupación de mariscadores de Barreiros, recibirán 51.840 euros para a contratación de 2 vixiantes e unha asistencia técnica durante doce meses.

    Cómpre lembrar que as tarefas de protección e control de recursos mariños ademais de contar cos biólogos e vixiantes contratados polas confrarías co apoio da Xunta tamén dispoñen do apoio do persoal propio da Consellería do Mar, biólogos e integrantes do servizo de Gardacostas de Galicia, que operan nas nosas costas.