Vostede está aquí

Nova

Cetmar e os seus socios no proxecto Climefish presentan o prototipo da ferramenta de apoio á toma de decisións sobre os efectos do cambio climático na pesca e na acuicultura
  • O software definitivo, que será realidade na primavera de 2019, recollerá información sobre diferentes especies
  • Incorporará as suxestións das partes interesadas coas que o consorcio está a manter reunións de traballo en diferentes puntos de Europa
  • O último encontro neste sentido foi o celebrado esta semana en Escocia, onde os técnicos organizaron un taller para analizar os posibles impactos do cambio climático nas especies demersais no oeste do país
     

  • Santiago, 15 de abril de 2018.- Cetmar e os seus socios no proxecto ClimeFish presentaron esta semana en Escocia o primeiro prototipo da ferramenta de apoio á toma de decisións sobre os efectos do cambio climático na pesca e na acuicultura. Este novo software será unha realidade na primavera de 2019 e proporcionará información sobre as diferentes especies analizadas polos expertos de ClimeFish a través dos 16 estudos de caso que se están a desenvolver no marco do proxecto.

    Tamén incorporará as suxestións aportadas polos axentes interesados en cada pesqueira ou cultivo, cos que se está a traballar de forma conxunta. O último encontro neste sentido foi o celebrado esta semana en Escocia, onde, ademais de presentar o software, os técnicos organizaron un taller para analizar os posibles impactos do cambio climático nas especies demersais no oeste do país. Concretamente avaliouse a situación do bacallau e da pescada, nesta ocasión coa axuda de representantes políticos do sector pesqueiro escocés, que xa teñen avanzados plans de adaptación e avaliados os impactos deses cambios.

    O taller, celebrado en Aberdeen, é o cuarto destas características que se realiza no que vai de ano, organizado polo proxecto ClimeFish. O obxectivo é traballar de maneira conxunta co sector, as administracións e outros axentes interesados para coñecer de primeira man as súas percepcións sobre os efectos do cambio climático e integralas nos estudos, avanzando cara a resultados útiles para o sector.

    A ronda de contactos iniciábase en xaneiro no Lago di Garda, en Italia, onde se abordou a situación de diferentes especies de salmónidos e os efectos do cambio climático nos lagos italianos, coa participación de responsables políticos e pescadores.

    Os seguintes talleres tiveron como protagonistas ao mexillón de Galicia, sobre o que se debateu nunha reunión co sector organizada por CETMAR en Sada. As especies peláxicas do Noroeste Atlántico (cabala, arenque e lirio) foron o tema a tratar noutro encontro en Copenhague.

    O traballo dos investigadores de ClimeFish proseguirá nas vindeiras semanas. Así, están previstas novas reunións en Atenas (18 de abril) e Hungría (22 de abril) para analizar a situación da acuicultura de especies como a robaliza e a corvina no primeiro caso e a carpa e o bagre cultivados en lagos no segundo. Técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar participarán neses encontros e na segunda reunión anual do proxecto, que terá lugar do 24 ao 26 deste mes, tamén en Hungría.

    A Fundación CETMAR é un dos 21 socios do proxecto ClimeFish que, con financiamento da Unión Europea a través do programa Horizonte 2020, está desenvolvendo un total de 16 estudos de caso para os sectores da pesca e a acuicultura mariña e continental e que abarcan máis de 25 especies de toda Europa, Canadá, Chile e Vietnam.

    O obxectivo desta iniciativa, que conta cun presuposto de 5 millóns de euros e que se estenderá ata 2020, é contribuír a que o incremento da produción do sector pesqueiro se produza en áreas e especies con potencial para o crecemento sostible, tendo en conta as expectativas de evolución do clima e contribuíndo ao desenvolvemento das comunidades costeiras e rurais.