Vostede está aquí

Nova

A acuicultura de Galicia acada os mellores resultados económicos desde 2009 cunha facturación superior aos 207 millóns de euros
  • Son as cifras máis altas dos últimos nove anos, cun incremento dun 20% en facturación e de máis dun 15% en volume de produción
  • O mexillón supón máis do 95% da produción total da acuicultura de Galicia, con case 267.000 toneladas descargadas nas lonxas no 2017
  • A titular de Mar destacou o carácter pioneiro, a vocación internacional, o labor de innovación e a especialización de Galician Marine Aquaculture, a única granxa de cultivo de orella de mar en Galicia
     

  • Muros (A Coruña), 13 de abril de 2018.- O valor económico da acuicultura de Galicia superou no 2017 os 207,6 millóns de euros de facturación cun volume de produción de preto de 279.000 toneladas de peixes e mariscos. Estes son os mellores resultados rexistrados desde o 2009, cun incremento dun 20% en facturación e de máis dun 15% en volume de produción.

    Así o destacou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, esta mañá en Muros, durante a visita realizada á empresa de cultivo de orella de mar Galician Marine Aquaculture, onde estivo con membros da comisión de pesca do Senado. Alí, a conselleira enxalzou a actividade da planta que ten unha clara vocación internacional xa que dirixe case o total da súa produción a mercados internacionais como China, Xapón, Taiwán, Francia e Estados Unidos.

    Nesta liña, a titular de Mar destacou o afán innovador da empresa e á súa aposta pola especialización, ao ser a única que cultiva este molusco “de alta gama” en Galicia. Neste contexto, sinalou que o ano pasado a orella de mar multiplicou por 10 as súas cifras de facturación en relación ao ano 2016. Por isto, sinalou que os atributos desta empresa son un exemplo do potencial que hai na nosa terra para o desenvolvemento da acuicultura de peixes e mariscos.

    Non obstante, dentro da rama da acuicultura, a conselleira fixo especial énfase no cultivo do mexillón en batea, o máximo expoñente do sector en Galicia. Así, a titular de Mar expuxo que o mexillón supón máis do 95% da produción total da acuicultura, con case 267.000 toneladas descargadas nas lonxas e preto do 60% do valor económico, con arredor de 122 millóns de euros facturados.

    A conselleira subliñou que o protagonismo do mexillón tamén se reflicte nas axudas a este sector. Neste sentido, lembrou que no 2017, ao igual que en exercicios anteriores, o sector bateeiro foi o maior beneficiario das axudas en investimentos produtivos en acuicultura. De feito, o ano pasado o 75% destas subvencións foron para o sector mitilicultor.

    As cifras económicas da acuicultura galega tamén reflicten incrementos en relación ao ano 2016, sendo a subida de máis 11% no volume de produción e de máis dun 8% na facturación. No caso do mexillón, no 2017, tanto a cantidade descargada desta especie como o valor económico, aumentaron máis dun 11%.
     

    Galeria de imaxes

    print '

    Video

    ';