Vostede está aquí

Nova

A Xunta subvenciona con máis de 300.000 euros o funcionamento das federacións de confrarías de pescadores de Galicia
  • Para o control do correcto cumprimento de cada un destes convenios crearase unha comisión de seguimento, composta por dous membros a designar por cada unha das partes asinantes
     

  • A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asinou convenios de colaboración cos presidentes destas entidades

    Santiago de Compostela, 14 de abril de 2018.- A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asinou esta semana convenios de colaboración coa federación galega e coas federacións provincias de confrarías de Galicia. A través destes convenios a Xunta contribúe ao funcionamento destas entidades con 316.500 euros.

    Esta cantidade distribúese en 93.000 euros para a colaboración coa Federación Galega de Confrarías, 93.000 euros para a Federación Provincial de confrarías da Coruña, 93.000 euros para a de Pontevedra e 37.500 para a Federación Provincial de Lugo.

    Os convenios asinados teñen como obxectivo financiar os gastos correntes que se produzan este ano como consecuencia das actividades que desenvolva cada federación. Así, algúns dos gastos subvencionables a través desta colaboración son os de contratación de persoal, amortizacións, financiamento de gastos correntes como por exemplo arrendamentos, reparacións, material de oficina, indemnizacións por razón de servizo, entre outros.

    Para o control de cada un destes convenios crearase unha comisión de seguimento, composta por dous membros a designar por cada unha das partes asinantes. Por parte das federacións serán o presidente e o secretario e dous membros por parte da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar. A vixencia desta colaboración é ata o 31 de decembro de 2018.