Vostede está aquí

Nova

As matrículas de alumnado nos centros de formación da Consellería do Mar aumentaron en máis dun 40% desde o ano 2009
  • Rosa Quintana destacou a importancia de adaptar os coñecementos e as capacidades ás novas demandas do mercado laboral
  • A Consellería do Mar incrementa nun 2% os fondos destinados ás ensinanzas marítimo pesqueiras no orzamento de 2018
  • A conselleira tamén participou na presentación do proxecto PROPESCA, relacionado coa innovación no procesado de peixe, onde destacou que aportará maior valor engadido aos produtos capturados

  • Vigo, 11 de maio de 2018.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vigo o incremento de máis dun 40% desde o ano 2009 das matrículas de alumnado nas escolas náutico-pesqueiras e no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). Uns datos, subliñou a conselleira, que indican que estamos na boa dirección de asegurar un ensino de futuro que garanta o relevo xeracional e a reciclaxe dos nosos profesionais do mar.

    Así o destacou durante a clausura das xornadas de portas abertas do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, onde estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Alí tamén fixo fincapé na importancia de adaptar os coñecementos e as capacidades ás novas demandas do mercado laboral para evitar o estancamento profesional e seguir sendo competitivos nunha contorna cada vez máis esixente.

    Esa adaptación da oferta formativa ao mercado laboral, explicou Rosa Quintana, pasa por ofrecer os coñecementos adecuados e as competencias necesarias en consonancia co que demandan as circunstancias do mundo real marítimo-pesqueiro. Un cometido polo que a Xunta aposta blindando o eido formativo nos orzamentos para garantir o relevo xeracional do sector, expuxo Rosa Quintana.

    Así no orzamento de 2018, a Consellería do Mar incrementa nun 2% os fondos destinados ás ensinanzas marítimo pesqueiras, que xunto co orzamento do 2017, acumulan unha suba do 7%. No caso dos cursos de ensinanzas pesqueiras non regradas, Rosa Quintana sinalou que nos dous vindeiros anos a Consellería do Mar destinará máis dun millón e medio de euros.

    En canto á formación no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, a conselleira indicou que esta ferramenta financieira prevé sete millóns de euros para Galicia para a formación profesional, a aprendizaxe permanente, a difusión de coñecementos e a adquisición de novas competencias profesionais. Desta cantidade, explicou, cinco millóns son para o fomento da pesca sustentable e dous destínanse ao fomento da acuicultura sustentable.

    Ademais a conselleira puxo como exemplo de contribución á formación o labor do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, designado como Centro de Referencia Nacional na área profesional de Pesca e Navegación. Este centro, engadiu, ten moito que ofrecer e que amosar, polas súas accións de innovación e investigación e pola experimentación en materia de formación profesional.

    Neste sentido, puxo en valor as xornadas de portas abertas para difundir a razón de ser do centro, para captar talento e reforzar o coñecemento que teñen os estudantes actuais do instituto e felicitou aos organizadores da iniciativa polo seu traballo.

    Propesca

    Ademais esta mañá a conselleira do Mar, acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participou na presentación do proxecto PROPESCA, Desenvolvemento de tecnoloxías para novos procesos de produtos pesqueiros. Nel participan empresas do sector pesqueiro e tecnolóxico auxiliar, entre elas, a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, ARVI; Grupo Ibérica de Conxelados, Armadora Pereira, COPEMAR, Optimar Fodema e Enxeñaría de Proxectos Mariños.

    Este proxecto está enfocado á innovación en procesado de peixe e sobre el a conselleira destacou que permitirá á nosa frota aportar maior valor engadido aos produtos capturados, e aumentar a seguridade alimentaria ao diminuír a manipulación do peixe a bordo. Tamén permitirá, engadiu, mellorar as condicións de traballo e de vida dos pescadores e empregar metodoloxías de conservación de conxelado adecuadas para innovar nos procesos de elaboración e procesado en terra.

    Estes obxectivos, explicou a titular de Mar, concordan coa aposta da Consellería do Mar para “que o sector pesqueiro do futuro sexa sostible, innovador e competitivo”. Para iso, engadiu, “contamos co apoio financeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca”, un apoio que a Xunta facilita ao sector a través de dúas liñas. A primeira delas está focalizada no fomento da competitividade e a viabilidade do noso sector pesqueiro e a ela a administración galega destina en conxunto 64 millóns de euros. A segunda liña está centrada na mellora da comercialización e transformación dos produtos do mar e conta no período do FEMP con 96 millóns de euros.