Vostede está aquí

Nova

O servizo de Gardacostas de Galicia ensinará a axentes da Ertzaintza os seus procedementos de rescate
  • Catro membros da Unidade de Vixilancia e Rescate da Ertzaintza visitarán a vindeira semana a base do helicóptero Pesca 1 e realizarán diferentes accións de formación con membros do servizo aéreo de rescate de Gardacostas

  • Santiago, 10 de xuño de 2018.- Catro membros da Unidade de Vixilancia e Rescate da Ertzaintza visitarán a vindeira semana a base do helicóptero Pesca 1 e realizarán diferentes accións de formación con membros do servizo aéreo de rescate de Gardacostas. Esta colaboración foi solicitada pola Unidade de Vixilancia e Rescate da Ertzaintza co obxectivo de coñecer os procedementos e o equipamento utilizado na nosa comunidade para os rescates e as e evacuacións aeromédicas.

    Os membros da Ertzaintza realizan esta visita interesados pola traxectoria de máis de 25 anos de experiencia deste servizo da Xunta e polos medios cos que conta Galicia en materia de salvamento. Durante a visita, que comezará o luns pola tarde e se prolongará ata o mércores, intercambiarán experiencias cos axentes do servizo aéreo de rescate de Gardacostas, que lle explicarán o seu sistema de traballo e os medios que utilizan.

    Ademais comprobarán os protocolos de actuación de Gardacostas como os procedementos de aproximación aos distintos tipos de embarcacións e as manobras de rescate recomendadas. Isto complementarano coa realización de prácticas de rescate no mar. A maiores, tamén realizarán exercicios simulados de rescate en montaña para poñer en práctica os procedementos de salvamento e de evacuación neste eido.

    Servizo de Gardacostas

    O Servizo de Gardacostas é o organismo dependente da Consellería do Mar que ten as funcións de vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño nas augas galegas. Estrutúrase en servizos centrais e en unidades operativas distribuídas por todo o litoral de Galicia. Para desenvolver os seus labores por vía aérea o servizo conta co helicóptero Pesca 1, con base en Vigo e co Pesca 2, con base en Celeiro. No ano 2015 este servizo cumpriu 25 anos de historia e neste tempo salvou a vida de máis de 1.500 persoas.