Vostede está aquí

Nova

Os gardacostas requisan preto de 46 toneladas de marisco e peixe e 447 útiles en distintos controis realizados no litoral galego
  • O control no que se comisou a maioría do produto foi na Coruña en conxunto coa Garda Civil e nel incautaron máis de 45 toneladas de cigala e arredor de 300 quilos de peixe e marisco variado por falta de documentación que acreditase a trazabilidade e a identificación do produto

  • Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2018.- Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto de 46 toneladas de marisco e peixe, 447 útiles -a maioría nasas e 450 metros de trasmallos en distintos controis realizados onte na Coruña, nas rías de Arousa, Vigo, Camariñas, nos portos de Malpica e de Caión e na ría de Ares Betanzos.

    O control no que se comisou a maioría do produto foi na zona portuaria da Coruña en conxunto co Servizo Marítimo da Garda Civil. Nel os axentes incautaron máis de 45 toneladas de cigala e arredor de 300 quilos de peixe e marisco variado por falta de documentación que acreditase a trazabilidade e a identificación do produto e pola realización de actividades non autorizadas.

    Por outra banda, na ría de Arousa, os axentes de Gardacostas incautaron un total de 241 nasas por estar sen identificar e en zona prohibida e comisaron os 155 quilos de polbo, tres quilos de nécora, e medio quilo de santiaguiño que contiñan. Ademais, na ría de Vigo os gardacostas requisaron 171 nasas por estar en zona prohibida e 18 quilos de polbo.

    Na ría de Camariñas os axentes aprehendéronse de seis viveiros e sete nasas, debido a que todo estaba sen identificar e dos máis de 86 quilos de centola, de 15 quilos de lumbrigante, de nove quilos de nécora e de catro quilos de santiaguiño que contiñan. Nos portos de Malpica e Caión, os axentes tamén realizaron controis que deron como resultado a incautación de 11 nasas e 11 salabardos que estaban sen identificar e tamén comisaron preto de 11 quilos de nécora, máis de 10 quilos de lumbrigante, máis de nove quilos de centola, seis quilos de corno e máis de 4 quilos de santiaguiño. A maiores, na ría de Ares e Betanzos os axentes incautaron 450 metros de trasmallos.