Vostede está aquí

Nova

Galicia defende o bo estado do stock de bonito do norte e un incremento de posibilidades de pesca desta especie
  • A conselleira lembrou que este ano, a pesar da abundancia da especie, houbo que pechar a pesqueira do bonito do norte moi cedo ao esgotar as posibilidades de pesca
  • A comunidade autónoma galega tamén defende a mellora dos datos e estudos para o seguimento das quenllas e dos marraxos co obxectivo de que isto non repercuta nas posibilidades de pesca do propio sector
  • Ademais insiste na demanda de igualdade de condicións en relación á prohibición da práctica coñecida como finning
  • En relación ás posibilidades de pesca do mar Báltico para 2019, Galicia solicita que os criterios de reparto sexan os mesmos que se apliquen no Consello de Ministros de Tacs e cotas do mes de decembro

  • A conselleira do Mar asistiu en Madrid ao Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios

    Madrid, 8 de outubro de 2018.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios celebrado en Madrid a necesidade de incrementar as posibilidades de pesca do bonito do norte para o 2019. Este é un dos aspectos expostos pola comunidade autónoma galega, que exerce a representación das autonomías españolas en materia pesqueira ante a Unión Europea, de cara a reunión da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT), que se celebrará do 12 ao 19 de novembro en Dubrovnik, Croacia.

    A titular de Mar argumentou que esta solicitude do incremento do Total Admisible de Capturas (TAC) atende á constatación, tanto por parte dos observadores como do propio sector pesqueiro, dunha grande abundancia desta especie onde faena a frota galega -no Golfo de Biscaia, área de Ortegal e augas de Irlanda-. Neste sentido, lembrou que este ano, a pesar da abundancia da especie, houbo que pechar a pesqueira do bonito do norte moi cedo ao esgotar as posibilidades de pesca. Polo tanto, insistiu, “demandamos que no ICCAT se aborde esta situación, se confirme o bo estado do recurso e se incrementen as posibilidades de pesca para o ano que vén”.

    De cara a esta reunión do ICCAT, Galicia tamén defende a mellora dos datos e estudos para o seguimento das quenllas e dos marraxos. En relación a este aspecto, Rosa Quintana fixo fincapé en que a falta de datos do estado das poboacións “non debe repercutir nas posibilidades de pesca do propio sector”.

    Ademais Galicia pon sobre a mesa unha vez máis a defensa “das mesmas regras do xogo” entre a frota europea e o resto de frotas mundiais en relación ao finning, é dicir, a práctica de cercenar aletas de quenlla e marraxo nos buques. Neste punto, a titular de Mar sinalou que Galicia solicita que se estendan as medidas anti finning a todas as frotas de cara a fomentar a igualdade.

    Mar Báltico e Noruega

    Outro dos temas abordados no Consello Consultivo foi o das posibilidades de pesca para 2019 no mar Báltico, onde Galicia non posúe intereses directos de pesca, pero que si é de relevancia, xa que nela se deciden os principios de TACs e cotas para determinados países.

    Neste punto, o que vén defendendo e defende Galicia é que o Consello de Ministros sexa unitario neses criterios de reparto, tanto como para o Báltico como para o resto das augas da Unión Europea. Un posicionamento que se pon de relevo de cara ao Consello de Ministros de decembro, que é o decisivo, xa que nel se negocian e acordan as posibilidades de pesca dos Estados Membros para todo o ano 2019.

    Tamén se intercambiaron pareceres sobre as consultas anuais de 2019 da UE con Noruega. Neste punto Galicia solicita que “se manteñan os criterios establecidos como froito do acordo entre UE e Noruega”. Neste sentido, Rosa Quintana sinalou que se deben tratar de maximizar as posibilidades de pesca do bacallau coñecido como “bacallau de cohesión”, “sen afectar ao intercambio de especies que tamén son imprescindibles para o desenvolvemento da boa actividade pesqueira da nosa frota”.

    Galeria de imaxes

    A conselleira do Mar asistiu en Madrid ao Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios
    A conselleira do Mar asistiu en Madrid ao Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios
    A conselleira do Mar asistiu en Madrid ao Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios
    A conselleira do Mar asistiu en Madrid ao Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios