Vostede está aquí

Nova

Rosa Quintana pon en valor o traballo conxunto da Xunta e da Unión Europea na loita contra a pesca ilegal
  • A titular de Mar destacou que ambas institucións coinciden na busca da erradicación da pesca non declarada e non regulamentada coa coordinación de medios
  • Tamén fixo referencia a retos como o brexit ante o que Galicia traballou estes anos na obtención de argumentos que garantan que a pesca non sexa utilizada como moeda de cambio nas negociacións
     

  • Vigo, 9 de outubro de 2018.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe en Vigo o traballo conxunto de Galicia e de Europa en materia de control e de inspección da actividade pesqueira. Nesta liña puxo de relevo o labor da Xunta e da Axencia Europea de Control da Pesca para “acabar coas prácticas ilícitas” vinculadas coa actividade pesqueira.

    Unha materia, subliñou, na que “compartimos o marco de cooperación e colaboración e coincidimos na busca da erradicación da pesca non declarada e non regulamentada coa coordinación de medios entre institucións”. Neste sentido, puxo en valor o papel do Servizo de Gardacostas de Galicia da Consellería do Mar, “que contribúe á redución da actividade ilegal nas nosas rías grazas á vontade decidida de loitar contra esta lacra ambiental, social e económica.

    Esta loita, sinalou a conselleira, plásmase en cifras como os aumentos dun 35% na media anual de inspeccións, dun 42% na media anual de infraccións detectadas, dun 41% na media anual de incautacións de útiles e tamén no incremento de máis dun 200% na media anual de comisos de especies de peixe e marisco.

    Ademais a titular de Mar destacou o avance nesta loita “grazas á tipificación penal do furtivismo, unha demanda histórica do sector”. Tamén puxo de relevo a integración da aplicación dos regulamento polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a Pesca Ilegal, Non Declarada e Non Regulamentada e polo que se dispón dun réxime comunitario de control. Uns eidos, sinalou, nos que “Galicia aportou a súa experiencia e coñecemento co ánimo de mellorar os protocolos de actuación para facer compatible o labor de control coa operatividade da frota”.

    A conselleira tamén fixo referencia a retos como o brexit, no que Galicia quere xogar un papel relevante. Por iso nestes anos, expuxo, Galicia “traballou na obtención de argumentos que garantan que a pesca non sexa utilizada como moeda de cambio nas negociacións”. Neste sentido, Rosa Quintana, manifestou a súa confianza “no moito que Galicia pode facer por Europa e no moito que a Unión Europea pode facer por Galicia” e agradeceu o labor do antigo director da Axencia Europea de Control da Pesca, Harm Koster, e do actual director, Pascal Savouret. Eles, sinalou a conselleira, “exemplifican ese espírito construtivo e esa unión de vontades entre as diferentes administracións”.