Vostede está aquí

Nova

Galicia intercambia experiencias con Cabo Verde en materia de xestión e trazabilidade de produtos do mar
  • A Consellería do Mar está presente na VII Feira Internacional das actividades económicas ligadas ao mar, Expomar 2018, cun posto que alberga a 10 entidades galegas

  • A Consellería do Mar está presente na VII Feira Internacional das actividades económicas ligadas ao mar, Expomar 2018, cun posto que alberga a 10 entidades galegas

    Santiago, 11 de outubro de 2018.- A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, mantivo esta mañá un encontro coa presidenta do Instituto Marítimo Portuario de Cabo Verde, Joana Helena Carvalho, co obxectivo de intercambiar coñecementos e experiencias sobre a xestión, a comercialización e as infraestruturas do eido do mar. Esta xuntanza enmárcase na estadía da directora xeral na Illa caboverdiana de San Vicente, con motivo da celebración da Feira Expomar e nela Galicia explicou aos caboverdianos o seu sistema de xestión e trazabilidade de produtos do mar.

    Ademais, durante o encontro, Mercedes Rodríguez destacou a importancia das novas tecnoloxías para avanzar na trazabilidade dos produtos do mar e puxo como exemplo os caixeiros Ticpesc instalados en distintos portos galegos. Unha ferramenta, explicou, na que os profesionais do sector poden emitir documentos relacionados coa súa actividade diaria sen ter que desprazarse ás oficinas da Administración galega para realizar as xestións correspondentes da súa actividade diaria.

    A directora xeral tamén convidou aos responsables do Instituto Marítimo Portuario a visitar Galicia para coñecer de primeira man esta realidade. O obxectivo, subliñou, é que Galicia e Cabo Verde sigan sumando sinerxías e colaborando en materia de xestión e comercialización, infraestruturas da pesca e formación. Esta colaboración reflíctese no memorando de entendemento asinado polo Goberno da Xunta e o Goberno caboverdiano a comezos de 2016, para relanzar unha colaboración permanente en materia pesqueira. Tamén ten entre os seus obxectivos o impulso do uso das infraestruturas pesqueiras e portuarias.

    Este interese de colaboración entre Galicia e Cabo Verde reside nos lazos pesqueiros e comerciais que existen entre ambos. Un exemplo destes lazos é o entreposto de Frío de Mindelo, na illa caboverdiana de San Vicente, xestionado por unha sociedade composta por unha empresa galega e outra vasca. Esta planta frigorífica serve como punto de operatividade loxística para todas as frotas que faenan no Océano Atlántico en xeral, e para a galega en particular, sobre todo para a frota atuneira e de palangre de superficie que opera nesta área.

    O Instituto Marítimo Portuario

    O Instituto Marítimo Portuario depende do Ministerio da Economía Marítima de Cabo Verde e é resultado da reforma que o goberno caboverdiano está a desenvolver no sector da economía marítima. É o responsable de implementar as políticas marítimas e portuarias e ten entre os seus cometidos o de reforzar a cooperación nacional e internacional en materia de boas prácticas marítimas e portuarias. Un exemplo deste cometido é a reunión mantida hoxe coa directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez.

    Expomar

    Despois da reunión coa directora do Instituto Marítimo Portuario, Mercedes Rodríguez asistiu á sesión técnica de economía e ciencias do mar do seminario Os océanos, fonte de oportunidades e crecemento sustentable, enmarcado nas actividades da feira Expomar 2018. Pola tarde, a directora xeral asistirá á inauguración da VII edición desta feira. Alí visitará ás empresas galegas do eido marítimo-pesqueiro presentes neste certame no que a Xunta participa desde o ano 2013. Este ano a Consellería do Mar forma parte de Expomar a través dun posto de 36 m2 con 10 entidades galegas como coexpositoras, que son Climafrío, Noroesmar, Sumipesca, A Poutada, Navico, Electrónica Rías Baixas, Atlas Forwarding, Electrónica Eutimio, Espaderos del Atlántico e Fundación Expomar.

    A Feira Expomar está organizada polo Ministerio de Economía e Emprego de Cabo Verde, reúne a axentes nacionais e internacionais de diferentes actividades da economía do mar como o transporte, a pesca e a transformación de peixe, a promoción empresarial, a xestión portuaria, os servizos náuticos, seguros, ensino, servizos financeiros, equipamentos, alimentación, seguridade marítima e turismo de cruceiros, entre outros. Tamén acolle conferencias internacionais, seminarios e obradoiros e promove encontros de negocio.
     

    Galeria de imaxes

    A Consellería do Mar está presente na VII Feira Internacional das actividades económicas ligadas ao mar, Expomar 2018, cun posto que alberga a 10 entidades galegas
    A Consellería do Mar está presente na VII Feira Internacional das actividades económicas ligadas ao mar, Expomar 2018, cun posto que alberga a 10 entidades galegas
    A Consellería do Mar está presente na VII Feira Internacional das actividades económicas ligadas ao mar, Expomar 2018, cun posto que alberga a 10 entidades galegas
    A Consellería do Mar está presente na VII Feira Internacional das actividades económicas ligadas ao mar, Expomar 2018, cun posto que alberga a 10 entidades galegas