Nova

Excelente inicio da campaña do polbo na que xa foron comercializadas preto de 290 toneladas nas lonxas galegas por valor de máis de 3,3 M€

As capturas medraron un 100 % respecto ao 2024 e un 122 % a facturación grazas a un prezo medio por quilo de 11,45 euros fronte aos 10,42 euros do pasado ano

A actividade extractiva estivo paralizada desde o pasado mes de abril cun mes de parada biolóxica, na que Consellería do Mar mobilizou 4 millóns de euros en axudas, e dous meses de veda que finalizaron o pasado mes de xuño

O servizo de Gardacostas de Galicia extrema a vixilancia desde o 1 de xullo velando polo cumprimento dos topes establecidos no plan de xestión polo que leva comisados máis de 2.700 quilos de polbo e 2.600 nasas e cacharros incautados

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2025

O primeiro mes de campaña do polbo arroxa excelentes cifras para o sector. Así, desde o 1 de xullo, xa foron comercializadas preto de 290 toneladas desta especie nas lonxas galegas deixando unha facturación superior aos 3,3 millóns de euros. Uns números que melloran substancialmente os rexistrados no 2024 cun incremento do 100 % na produción e un 122 % nos ingresos grazas, en parte, a un prezo medio por quilo de 11,45 euros fronte aos 10,42 do pasado ano. En xullo do pasado ano, as lonxas galegas poxaron 143.254 quilos por valor de 1.492.174 euros.

Deste xeito, as tres rulas con maior actividade están a ser Ribeira, Bueu e Vigo.  Comercializaron, respectivamente, 75.073, 41.020 e 26.498 quilos de cefalópodo; o que supuxo unha facturación de 805.371 euros no caso da do Barbanza, 498.873 na bueuense e 342.210 na viguesa. Estes datos son notablemente superiores aos rexistrados en 2024 por estas mesmas datas: Ribeira: 37.911 quilos (402.829 euros); Bueu: 17.035 quilos (175.231 euros); e Vigo: 14.979 quilos (169.648 euros).

A actividade da frota regresou, por tanto, con forza despois de tres meses sen actividade despois do acordo alcanzado entre a Consellería do Mar e o sector para realizar unha parada biolóxica no mes de abril, na que a Xunta mobilizou 4 millóns en axudas aos profesionais afectados, e unha veda nos meses de maio e xuño. O obxectivo destas medidas técnicas, que recolle o plan do polbo, é axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación sostible deste recurso pesqueiro.

Neste período quedou expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo, xa sexan interiores ou exteriores. Así, o servizo autonómico de Gardacostas de Galicia estivo velando polo seu cumprimento despregando operativos por toda a costa galega dando como resultado o comiso de 1.850 quilos de polbo devolto ao mar así como de 1.200 nasas e máis de 6.000 cacharros que foron incautados.

Labores de control

O servizo de Gardacostas de Galicia extrema a vixilancia desde o 1 de xullo velando polo cumprimento dos topes establecidos no plan de xestión polo que leva comisados máis de 2.700 quilos de polbo e 2.600 nasas e cacharros incautados. Así, desde o inicio da campaña foron comisados máis 149 cacharros e 2.488 nasas na que se atopaban tamén unha importante cantidade de nécoras. No caso dos cacharros, as incautacións realizáronse fundamentalmente en dúas zonas: a que vai desde Fisterra ó Son (131) e a que abrangue desde a ría de Vigo ata Aguarda (18). Polo que respecta ás nasas, o maior número detectouse nesta última zona (1.705), seguida da de Fisterra ó Son (476), sur de Malpica ata Fisterra (215) e, finalmente, Arousa sur (92).

Este operativo, que deu lugar a 94 infraccións, forma parte do intenso labor que desenvolve este departamento autonómico, e que continúa intensificando as labores e control e vixilancia por todo o litoral da comunidade. Un labor no que se mantén unha estreita colaboración coas confrarías en lonxas e puntos de descarga co fin de evitar as ventas ilegais, que poñen en risco a conservación deste prezado produto pesqueiro.