Nova
Ourense rexistra máis de 7.000 descargas e 74 establecementos adheridos ao Bono Peixe consolidando a boa acollida a esta acción de promoción do consumo
A conselleira do Mar anima ás peixerías e consumidores a participar nesta iniciativa que ten como obxectivo impulsar a presenza do peixe e marisco fresco na cesta da compra da cidadanía e que suporá a mobilización de 2,5 millóns de euros
Marta Villaverde enxalza a calidade e sabor dos produtos pesqueiros galegos así como os importantes beneficios para a saúde que hai detrás do seu consumo no marco dunha dieta equilibrada
A responsable autonómica sinala que Galicia é referente no ámbito da promoción e insta ao Goberno central a tomar exemplo e replicar estas medias a escala estatal así como a rebaixar o IVE a estes alimentos “esenciais”
Ourense, 30 de xullo do 2025
A Xunta continúa impulsando accións de promoción do consumo dos produtos pesqueiros con obxectivo de reverter o progresivo descenso rexistrado nos últimos anos. Neste contexto, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, realizou unha visita a unha das 74 peixerías adheridas na provincia de Ourense ao programa do Bono Peixe que deu comezo o pasado luns. A responsable autonómica puxo en valor que xa foron realizadas máis de 7.000 descargas deste bono a nivel provincial o que amosa o interese espertado entre a cidadanía.
Marta Villaverde, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, animou a participar nesta iniciativa autonómica tanto a establecementos como aos consumidores e destacou que esta medida, que ten unha vixencia de 10 semanas, suporá a mobilización por parte do Goberno galego de 2,5 millóns de euros. Nesta liña, recordou o funcionamento destes bonos por valor de 50 euros, dispoñibles no portal www.bonopeixe.gal que permiten acceder a descontos do 25% nas compras de peixe e marisco fresco ata un máximo de 5 euros semanais. O saldo que non sexa utilizado polo usuario poderá acumularse nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros.
A titular Mar enxalzou a calidade e sabor dos produtos pesqueiros galegos así como os importantes beneficios para a saúde que hai detrás do seu consumo grazas a unhas calidades nutricionais excepcionais e no marco dunha dieta equilibrada. Ademais, incluír estes alimento na cesta da compra supón apoiar a un sector estratéxico para a comunidade cunha facturación anual de 11.600 millóns de euros cun efecto multiplicador na xeración de emprego xa que cada traballador no mar supón 7 postos de traballo en terra.
Apoio estatal
A conselleira do Mar puxo en valor a folla de servizo do Goberno galego no desenvolvemento de medidas específicas para impulsar o consumo dos produtos do mar entre a poboación. Así, nomeou a campaña GALICIA SABE AMAR, o apoio á presenza do peixe e marisco galegos nas principais feiras nacionais e internacionais, ou o desenvolvemento de iniciativas de promoción en colaboración coas principais entidades sectoriais ás que destina 1,4 millóns de euros. Un traballo que contrasta coa falta de compromiso do Goberno central que continúa rexeitando a rebaixa do IVE a estes alimentos esenciais, como demanda a Xunta e o propio sector, e a pesar dos exemplos de éxito doutros países como Portugal. Así, Marta Villaverde instou ao Goberno central a rectificar e reducir este imposto así como a replicar as medidas autonómicas de promoción específica dos produtos pesqueiros a nivel estatal.