Nova

Villaverde aborda coa DOP Mexillón de Galicia novas liñas de colaboración para revalorizar este produto que representa o 93 % da produción acuícola galega

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar destaca o incremento nas certificacións da Denominación de Orixe Protexida, a primeira outorgada en Europa a un produto do mar, que acadou un crecemento no 2024 do 56 % ata as 18.700 toneladas

O departamento autonómico mantén unha estreita colaboración entre a Xunta e esta entidade cun investimento de 240.000 euros co obxectivo de apoiar a súa labor e mellorar a promoción e comercialización do mexillón certificado

Santiago de Compostela, 01 de agosto do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro de traballo co secretario xeral do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, Joaquín Garrido, para analizar a situación actual do sector e estudar novas liñas de colaboración para revalorizar este produto que representa o 93 % da produción acuícola galega. A responsable autonómica puxo en valor o papel estratéxico do sector miticultor cunha produción de case 179 toneladas e unha facturación de 128,6 millóns de euros no 2024.

Na actualidade hai máis de 2.000 viveiros autorizados para a produción baixo este selo de calidade e que representan o 61 % das bateas instaladas na comunidade. A isto hai que sumar 12 centros de depuración, 39 empresas transformadoras e máis de 120 empresas e marcas autorizadas ou en proceso de autorización para comercializar o seu produto ao amparo desta DOP. Cifras que poñen en valor o traballo que vén realizando esta DOP, a primeira outorgada en Europa a un produto do mar, no fomento da calidade na produción deste bivalvo, un dos máis recoñecidos polos consumidores. Nesta liña, Marta Villaverde destacou que no 2024 medraron as certificación de produto un 56 % ata alcanzar as 18.700 toneladas.

A titular de Mar resaltou que o Goberno galego mantén unha estreita colaboración con esta entidade no marco da cal destínase este ano 240.000 euros a apoiar a actividade da DOP Mexillón de Galicia así como a o desenvolvemento de accións que redunden na mellora da promoción e comercialización do mexillón certificado. Unha cooperación que permitiu que no 2024 foran realizadas 1.894 controis nos puntos de descarga, 41 auditorías en bateas e 112 a operadores usuarios da marca DOP Mexillón de Galicia.  Unha acción de control que permite afondar no seu prestixio entre produtores, comercializadores e consumidores.

Imaxes relacionadas