Nova
Manuel Pardo subliña a contribución do programa Bono Peixe da Xunta a prol do consumo de marisco e peixe fresco galego en Ourense
O delegado subliñou que a Consellería do Mar está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé alcanzar a 50.000 potenciais usuarios xerando un impacto económico de, polo menos, 10 millóns de euros.
O representante do Goberno galego subliñou que esta iniciativa pioneira da Xunta, ademais de incentivar o consumo de marisco e peixe fresco galego, tamén procura promover hábitos de consumo saudables, dadas as calidades nutritivas destes alimentos e os seus beneficios para a saúde
Ademais deste programa, a Xunta está a desenvolver outras medidas para impulsar o consumo dos produtos do mar entre a poboación, como son a campaña GALICIA SABE AMAR, o apoio á presenza do peixe e marisco galegos nas principais feiras, ou iniciativas de promoción en colaboración coas principais entidades sectoriais
Ourense, 08 de agosto de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá a dúas peixarías da cidade de Ourense, ‘Pescados Luis Fontenla’ e ‘Peixaría Lola e Espe’, adheridas ao programa Bono Peixe, onde puxo en valor a boa acollida entre os ourensáns desta iniciativa pioneira da Xunta, dotada con 2,5 millóns de euros e coa previsión de alcanzar a 50.000 potenciais usuarios xerando un impacto económico de, polo menos, 10 millóns de euros.
Durante a súa visita, o delegado territorial animou a participar nesta iniciativa da Consellería do Mar, tanto a establecementos como aos consumidores, e lembrou o funcionamento destes bonos por valor de 50 euros, dispoñibles no portal www.bonopeixe.gal, que permiten acceder a descontos do 25 % nas compras de peixe e marisco fresco ata un máximo de 5 euros semanais. O saldo que non sexa utilizado polo usuario poderá acumularse nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros.
Así mesmo, afirmou que esta acción impulsada polo Goberno galego, ademais de incentivar o consumo de marisco e peixe fresco galego, tamén procura promover hábitos de consumo saudables, dadas as calidades nutritivas destes alimentos e os seus beneficios para a saúde. Ademais, servirá para apoiar a actividade dos operadores comerciais retallistas que xogan un papel esencial para garantir a seguridade alimentaria dos consumidores.
O representante do Goberno autonómico recalcou que a día de hoxe xa se realizaron descontos por un importe de 4.519 euros no total da provincia, dos que a metade corresponden á cidade.
Apoio ao sector pesqueiro
Manuel Pardo rematou destacando o desenvolvemento de medidas específicas da Xunta para impulsar o consumo dos produtos do mar entre a poboación. Así, nomeou a campaña GALICIA SABE AMAR, o apoio á presenza do peixe e marisco galegos nas principais feiras nacionais e internacionais, ou o desenvolvemento de iniciativas de promoción en colaboración coas principais entidades sectoriais ás que destina 1,4 millóns de euros.