Nova

Galicia insta a Bruxelas a recuperar o equilibrio entre os obxectivos medioambientais, sociais e económicos como piar na Política Pesqueira Común

Galicia insta a Bruxelas a recuperar o equilibrio entre os obxectivos medioambientais, sociais e económicos como piar na Política Pesqueira Común

A titular de Mar avogou pola cogobernanza, a consulta previa ás partes implicadas e a presentación de informes tanto biolóxicos como socioeconómicos para evitar malos precedentes como o veto á pesca de fondo

Rosa Quintana lembrou os cinco eixos propostos pola comunidade, en consenso co sector e os grupos parlamentarios, co fin de que a PPC se adecúe ás necesidades das rexións pesqueiras europeas
 

Bruxelas, 25 de xaneiro de 2023. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe o necesario equilibrio que debe existir entre os obxectivos medioambientais, sociais e económicos na Política Pesqueira Común (PPC), que está en proceso de avaliación, e instou á Comisión Europea a recuperar este principio como piar. Así o asegurou durante a súa participación nunha reunión conxunta celebrada no Parlamento Europeo entre representantes da Comisión de Pesca da Eurocámara e da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) sobre a aplicación da PPC e as súas perspectivas de futuro.

A titular de Mar incidiu en que Galicia defende unha mellor xestión tendo en conta a realidade do sector e axustándose a obxectivos flexibles e realistas que permitan que a actividade pesqueira sexa moderna e competitiva. Deste xeito, dixo, será un actor fundamental da economía costeira e na produción de proteína mariña. Nesta liña, avogou pola cogobernanza e pola consulta previa ás partes implicadas, así como pola presentación de informes biolóxicos e socioeconómicos, para evitar malos precedentes como o veto á pesca de fondo.

“Entendemos que é necesario abordar os retos actuais establecidos no Pacto Verde Europeo para alcanzar unha pesca sostible, equitativa e próspera para o futuro, acorde co crecemento azul europeo, pero o maior deles debe ser garantir que o sector pesqueiro europeo teña futuro e traballe en igualdade de condicións que os doutros países”, indicou.

 

Neste sentido, lembrou a aportación de Galicia á revisión da PPC a través dun decálogo de liñas estratéxicas incluído no ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca hai case un ano. Dita proposta establece cinco eixos estratéxicos que pasan por acadar unha política pesqueira común social e de futuro; un comercio pesqueiro xusto; unha pesca sostible; a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.

Unha posición, tal e como apuntou Rosa Quintana, que foi consensuada co sector e que a comunidade presentou ao resto de rexións pesqueiras europeas co obxectivo de traballar na mesma dirección e que as demandas das zonas costeiras sexan escoitadas, entendidas e tidas en conta nunha posible actualización da normativa pesqueira europea.

Principios básicos

Co obxectivo de lograr unha PPC máis social, Galicia propón potenciar a remuda xeracional mediante a mellora das condicións de vida a bordo e a adecuación da formación para a creación de postos de traballo dignos. Así mesmo, a nova norma debe garantir a participación só daqueles actores que acepten os principios dun xogo xusto e equilibrado, o chamado level playing field, para asegurar a competitividade da frota e dos produtores acuícolas.

O terceiro principio que recolle a proposta galega atende á concepción dunha PPC máis sustentable, compatible coa conservación da biodiversidade, na que resulta indispensable proporcionar alimentos saudables de alta calidade aos consumidores a partir dunha produción que contribúa á neutralidade climática. Outro dos obxectivos específicos marcados céntrase na demanda á Unión Europea para que formule ante a Organización Mundial de Comercio (OMC) unha proposición de homoxeneización da fiscalidade en todos os países produtores internacionais de peixes e mariscos para manter a bonificación aos combustibles ata que existan alternativas viables ao uso dos de orixe fósil.

Por último, Rosa Quintana apostou pola cogobernanza oceánica mundial co desexo de seguir traballando no recoñecemento e integración do papel que realizaron as sociedades mixtas de empresas conxuntas galegas; a defensa dos acordos de colaboración de pesca sustentable entre a UE e terceiros estados; e a necesidade de garantir unha xestión pesqueira sostible e equitativa en augas do Atlántico Nororiental con todos os medios normativos ao seu alcance.

Galería