Nova

Rueda pide ao embaixador de Francia en España que o país galo se sume á rede de infraestruturas para conectar o Corredor Atlántico con Europa

Rueda pide ao embaixador de Francia en España que o país galo se sume á rede de infraestruturas para conectar o Corredor Atlántico con Europa

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu ao embaixador de Francia en España, Jean-Michel Casa, que o país galo se sume á rede de infraestruturas que permitirá conectar o Corredor Atlántico de mercadorías con Europa.  

O titular do Goberno galego mantivo hoxe unha xuntanza co representante diplomático francés na que mencionou o acordo acadado hai dez días en Vitoria na Comisión do Arco Atlántico. Nel, os presidentes das Comunidades autónomas de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia acordaron reclamar que a conexión ferroviaria con Europa desde o norte de España pase por Euskadi, e que o faga a través de Francia, de aí a necesidade de sumar ao país veciño para o enlace con esta infraestrutura prioritaria. Alfonso Rueda trasladoulle ao embaixador francés a “inquedanza” de que esa actuación se adíe por falta de interese por parte do Goberno francés, e interesouse pola “sensibilidade” do Executivo de Emmanuel Macron perante esta conexión ferroviaria.  

Outro asunto de interese que abordaron na reunión, que tivo lugar hoxe en San Caetano a petición do embaixador francés, foi o da política en materia de pesca desenvolvida nos últimos tempos pola Comisión Europea. Tanto Francia como Galicia, o mesmo que o resto de España e outros países como Irlanda, están en desacordo cos plans de Bruxelas para restrinxir a pesca de arrastre e solicitan unha rectificación na decisión de vetar a pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias. 

Tendo en conta as frutíferas relacións diplomáticas e comerciais -case un millón de empresas galegas exportan a Francia- o futuro do sector primario e da industria preocupa tamén a ambos os dous territorios, de aí que o presidente da Xunta e o embaixador francés intercambiaran tamén impresións arredor destas cuestións, sobre todo, no referente á automoción e aos fondos europeos destinados á transición enerxética.

 

Galería