Nova

Alfonso Villares destaca o mexillón como xoia gastronómica e símbolo da calidade e sabor do marisco galego

1 de 2
2 de 2

Ribadeo (Lugo), 29 de marzo de 2024

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, puxo en valor o mexillón como xoia gastronómica e como símbolo da calidade e sabor do marisco galego. Así o manifestou na celebración da I Degustación de Mexillón organizada pola asociación de veciños O Cantal de Rinlo, no concello lucense de Ribadeo, na que se resaltaron as calidades culinarias deste bivalvo así como as súas propiedades nutricionais, textura e frescura así como a súa condición de produto de proximidade e sostible. O responsable autonómico sinalou a saúde e benestar que hai detrás do consumo do peixe e marisco galegos e a importancia destes eventos á hora de amosar aos consumidores todas as posibilidades de elaboración que ofrece este produto, desde a cociña máis tradicional ata a máis innovadora

O titular de Mar agradeceu aos promotores esta iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia, nun enclave único pola súa beleza e tradición mariñeira como amosa o contar coa segunda confraría máis antiga de España. Nesta liña apuntou a importancia deste tipo de eventos gastronómicos como fórmulas máis axeitadas e eficaces para promover o consumo dos produtos pesqueiros da nosa comunidade así como difundir o seu sabor e calidade entre a cidadanía. Unha celebración que ademais de enxalzar parte da nosa cultura culinaria e a labor das nosas xentes do mar tamén serve como novo reclamo para os visitantes que recalan na Mariña nestas datas de asueto con motivo da Semana Santa, complementando e enriquecendo a oferta cultural, patrimonial e natural desta zona da costa galega.

Imaxes relacionadas