Nova

A Xunta investirá máis de 115.000 € en melloras nos pavimentos do porto de Ortigueira

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Alfonso Villares visitou a dársena na que se renovará o firme da explanada do peirao deportivo e o vial situado na parte posterior dos xardíns

Tamén se realizarán obras deste tipo noutras dúas instalacións portuarias do norte da provincia da Coruña, as de Cedeira e Cariño

Ortigueira (A Coruña), 2 de abril de 2024

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá 115.000 euros en obras de mellora dos pavimentos do peirao da localidade coruñesa de Ortigueira. Así o anunciou o titular do departamento autonómico en funcións, Alfonso Villares, no transcurso dunha visita ao peirao esta mañá.

Alfonso Villares, que estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou que este investimento responde ás necesidades prioritarias detectadas nunha análise global realizada polo ente público para coñecer en detalle o estado dos firmes no conxunto dos 122 portos autonómicos. Deste traballo derivouse unha planificación de actuación a curto, medio e longo prazo na adecuación dos pavimentos para unha maior seguridade viaria.

O conselleiro en funcións defendeu a necesidade de que os profesionais do mar de Galicia conten cunhas instalacións portuarias que contribúan a incrementar a súa produtividade e permitan, ao mesmo tempo, mellorar as súas condicións de traballo. Outros dous peiraos da zona norte da provincia da Coruña onde se realizarán este tipo de obras serán os de Cariño e Cedeira.     

No caso concreto de Ortigueira actuarase en dúas zonas do porto. Así, renovarase o firme na explanada situada diante da dársena deportiva así como no viario que discorre pola parte posterior dos xardíns da zona portuaria. As obras sairán a licitación nun contrato global para toda Galicia ao longo do primeiro semestre de 2024 e executaranse neste ano.

Varandas no paseo do Malecón

Durante a súa visita a Ortigueira, o conselleiro do Mar visitou tamén o paseo do Malecón no que Portos de Galicia vén de instalar varandas para maior seguridade peonil. Alfonso Villares explicou que os traballos consistiron na instalación de 120 metros lineais de varanda na contorna dos departamentos, unha zona recentemente urbanizada polo ente público cun investimento de 285.000 euros. A dotación das varandas realizouse durante o mes de xaneiro e Portos de Galicia investiu nesta actuación 30.000 euros.

Imaxes relacionadas