Nova

Mañá abre a campaña extractiva da centola na provincia de Lugo

Mañá abre a campaña extractiva da centola na provincia de Lugo

Nas provincias da Coruña e Pontevedra comezou o pasado 7 de novembro atendendo ao que establece o plan de xestión que regula a captura desta especie

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2022.- A campaña extractiva da centola comeza mañá luns na provincia de Lugo. Na área que vai desde o cabo Estaca de Bares (na provincia da Coruña) ata o río Eo -incluíndo a ría do Barqueiro-, o inicio da actividade das distintas artes réxese polo establecido no decreto que regula en Galicia as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos.

A campaña deste crustáceo na provincia lucense prolongarase ata o inicio da veda do ano 2023, que se fixará a través do correspondente plan de xestión. Nas provincias da Coruña (desde cabo Corrubedo ata cabo Estaca de Bares) e Pontevedra (de cabo Corrubedo á Guarda) a campaña comezou o pasado 7 de novembro -estenderase tamén ata a data que fixe o plan de xestión do vindeiro exercicio- e nesa mesma data tamén abriu a campaña do boi en todo o litoral de Galicia, incluída a costa lucense.

A cota máxima de captura destas dúas especies é de 35 quilos por barco e día, á que se lle engaden 35 quilos ao día por cada tripulante enrolado e a bordo. Poden participar na campaña todas as embarcacións de artes menores e con porto base en Galicia así como aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.