Nova

A Xunta retrasa o inicio da campaña de extracción da mexilla a xaneiro co obxectivo de preservar o estado biolóxico do recurso

A Xunta retrasa o inicio da campaña de extracción da mexilla a xaneiro co obxectivo de preservar o estado biolóxico do recurso

Esta medida dá resposta ás consideracións trasladadas por distintos profesionais do sector e a un informe emitido polos técnicos da Consellería do Mar
 

A semente de mexillón existente no medio é de pequeno tamaño, polo que a súa retirada pode ser prexudicial para a explotación sustentable da especie e implicar dificultades no seu proceso de fixación
 

O período de recollida estenderase desde o 9 de xaneiro ata o 15 de xuño, ampliando así a autorización da actividade nun período equivalente ao retraso do seu inicio
 

O Servizo de Gardacostas de Galicia e a unidade da Policía Nacional Adscrita van reforzar a inspección e control no litoral da comunidade para facer cumprir a normativa e evitar a extracción irregular do recurso

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022 A Consellería do Mar emitiu hoxe sendas resolucións polas que se retrasa o inicio da campaña de extracción de semente de mexillón en bancos naturais nas provincias da Coruña e Pontevedra ata o vindeiro 9 de xaneiro. A decisión adóptase atendendo ás consideracións sobre a situación do recurso trasladadas por distintos profesionais do sector e a un informe emitido polos técnicos do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar.

 

Ambas partes coinciden en que a mexilla existente agora mesmo no medio é de pequeno tamaño polo que a súa extracción pode ser prexudicial para o estado biolóxico da especie e, ao mesmo tempo, pode implicar dificultades no seu proceso de fixación. Ante esta situación, e previa consulta ás principais asociacións de produtores de mexillón de Galicia, decidiuse retrasar a campaña de recollida para favorecer unha explotación sustentable do recurso.

 

Deste xeito, as resolucións emitidas polas xefaturas territoriais da Coruña e Vigo establecen que a campaña extractiva de semente de mexillón en bancos naturais comezará o vindeiro 9 de xaneiro de 2022 e prolongarase ata o 15 de xuño, ampliando así os prazos de recollida nun período equivalente ao retraso no seu inicio.

 

Coincidindo con este aprazamento no inicio da extracción, o Servizo de Gardacostas de Galicia e a unidade da Policía Nacional Adscrita van reforzar a vixilancia e os controis no litoral da comunidade co obxectivo de facer cumprir a normativa e evitar a extracción irregular de mexilla. Neste sentido, a Xunta lembra que a recollida deste recurso en período non autorizado  e cos condicionantes da súa situación biolóxica -constatada no informe do CIMA- podería supoñer a comisión dun delito contra a flora e a fauna de Galicia, co que os posibles infractores se enfrontan ás sancións e penas recollidas pola lexislación vixente nesta materia.

 

A Consellería do Mar tamén está a acometer as modificacións pertinentes para poder abrir novas zonas á extracción de mexilla mediante a correspondente resolución. Esas novas aperturas decretaranse previa análise científica e tendo en conta os informes técnicos dispoñibles sobre o estado do recurso coa finalidade de garantir unha explotación sustentable.