Nova

O novo Estatuto do persoal investigador permitirá que 19 centros públicos reforcen os seus equipos e capacidades en sectores estratéxicos para Galicia

O novo Estatuto do persoal investigador permitirá que 19 centros públicos reforcen os seus equipos e capacidades en sectores estratéxicos para Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presidiu a Comisión Interdepartamental de I+D+i, á que tamén asistiron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana
 

Na reunión abordouse a futura normativa que dará estabilidade e mellores condicións laborais aos profesionais, ao tempo que servirá tamén para atraer e retornar talento á Comunidade
 

Prevese que o documento, que será agora sometido a información pública, se aprobe durante o primeiro semestre do próximo ano

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presidiu este mediodía a Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta de Galicia, á que tamén acudiron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Na xuntanza abordouse o futuro decreto que regulará o Estatuto do persoal de investigación da Administración autonómica, que dará estabilidade e mellores condicións laborais aos profesionais, ao tempo que servirá tamén para atraer e retornar talento á Comunidade.

 

Ao tempo, tal e como se salientou Conde no encontro, axudará a que 19 centros públicos poidan crecer reforzando os seus equipos e capacidades de investigación en sectores estratéxicos para Galicia como a biotecnoloxía, a saúde, as ciencias mariñas ou o sector agrogandeiro. Neste sentido, un dos aspectos a destacar da norma que se está a tramitar é que favorece a colaboración entre o tecido investigador e o tecido empresarial, impulsando a transferencia de coñecemento, ao tempo que estimula o desenvolvemento de actividades empresariais por parte do persoal de investigación. Ademais, dá rango de lei á figura de investigador distinguido e ao contrato de actividades científico-técnicas.

 

O proxecto é froito dun intenso traballo, tanto no seo do grupo técnico da propia Comisión como con todos os axentes implicados, co obxectivo de lograr unha norma de consenso. A semana pasada pechouse a fase de consulta pública á cidadanía e aos colectivos interesados co obxectivo de recoller as súas achegas. O seguinte paso será agora a súa exposición pública, coa previsión de que estea aprobado durante o primeiro semestre do ano.

 

Galicia é pioneira con esta nova norma xa que só dúas comunidades máis (Baleares e a Comunidade Valenciana) están a regular a carreira investigadora, aínda que para o ámbito da sanidade. Cómpre salientar que a nova Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación establece a nivel estatal a necesaria estabilización laboral dos profesionais, pero non crea unha carreira, o que afecta sobre todo a quen desenvolve a súa actividade fóra das universidades ou o CSIC.

 
En total, o futuro Estatuto beneficia a 19 centros públicos: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega); Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal); Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Axencia Galega de Innovación; Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Acis); Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (Ados); Axencia Galega da Industria Forestal (Xera); Escola Galega de Administración Pública (Egap); Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar); Fundación Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga); Fundación Centro Tecnolóxico da Carne; Fundación Pública Galega Rof Codina; Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar); Xenética Fontao; Fundación Biomédica Galicia Sur; Fundación IDIS; Fundación Instituto Galego de Oftalmoloxía; Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Galería