Vostede está aquí

Nova

Os Gardacostas e a Garda Civil de tráfico requisan 1.600 quilos de sardiña e unha furgoneta nun control por estrada na peaxe da AP-9 de Vilaboa
  • Noutro control por terra na Serra de Outes os gardacostas comisaron 628 quilos de xurelo
  • Noutras inspeccións realizadas no litoral galego nos últimos nove días os gardacostas requisaron preto de 945 quilos de peixe e marisco e 700 útiles de pesca, case todo nasas
     

  • Santiago, 7 de novembro de 2018.- Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, en colaboración coa Garda Civil de Tráfico de Pontevedra, requisaron onte 1600 quilos de sardiña e unha furgoneta no marco dun control por estrada realizado onte na peaxe da AP 9 de Vilaboa.

    Os axentes incautaron o produto debido a que carecía da documentación esixida para acreditar a súa procedencia e unha vez constatado que era apto para o consumo foi entregado ao centro benéfico Fundación Provincial Banco de Alimentos de Pontevedra.

    Por este mesmo motivo e noutro control realizado onte por terra no concello coruñés da Serra de Outes, os gardacostas tamén comisaron 628 quilos de xurelo que transportaba un vehículo que inspeccionaron. Tras comprobar que o produto era apto para o consumo, foi vendido na lonxa de Portosín.

    Estes operativos enmárcanse no conxunto dos controis que efectúa o Servizo de Gardacostas no eido da comercialización e transporte nas estradas de Galicia, que se suma aos controis da baixamar nas praias para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos pesqueiros.

    Outras actuacións

    A maiores destes controis por terra, nos últimos nove días os gardacostas requisaron preto de 945 quilos de peixe e marisco e 700 útiles de pesca, case todo nasas, noutras inspeccións realizadas no litoral galego.

    Na ría de Arousa os axentes de Gardacostas incautaron un total de 457 útiles, case todo nasas, e comisaron preto de 417 quilos de especies. O operativo máis destacado foi na Illa de Arousa e resultou coa incautación de 312 nasas e co comiso de 31 quilos de nécora, 13 quilos de polbo, 11 quilos de conguito e catro quilos de congro, debido a que todo estaba sen identificar.

    Na ría de Pontevedra, os inspectores da Xunta tamén realizaron varios controis contra a actividade ilegal. Neles aprehendéronse de 342 quilos de diversas especies de marisco e de 84 aparellos, a maioría nasas. A operación máis destacada foi nos portos de Beluso e de Combarro e resultou co comiso de preto de 220 quilos de centola, 65 quilos de mexillón e case cinco quilos de nécora e coa incautación de oito salabardos, xa que carecían de identificación.

    A ría de Vigo tamén foi escenario de controis contra o furtivismo que se saldaron co comiso de 20 quilos de distintas especies de peixe e marisco e con 75 nasas. En concreto, todas estas nasas foron requisadas polos axentes xunto con dous quilos de polbo nunha inspección en Baiona, debido a que estaban sen identificar.

    Por outra banda, nas inspeccións realizadas na ría da Coruña, os gardacostas requisaron preto de 137 quilos de marisco e 79 nasas. Un dos controis foi no porto da Coruña e saldouse co comiso de 81 quilos de centola. Os axentes tamén realizaron inspeccións na ría de Muros e Noia, que se saldaron co comiso de preto de 18 quilos de peixe e marisco; na de Corcubión, onde requisaron dous quilos de ameixa, e na ría de Corme e Laxe, onde comisaron preto de sete quilos de polbo.