Vostede está aquí

Nova

A Xunta expón ao sector do mexillón o seu labor no estudo das toxinas emerxentes dentro do proxecto europeo Alertox-Net

Reunión de Intecmar coa Comisión do Mexillón

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 5 de febreiro de 2019.- Representantes do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) explicaron esta tarde aos membros da Comisión do Mexillón o labor que desenvolve o centro, dependente da Xunta, no seguimento das toxinas emerxentes dentro do proxecto europeo Alertox-Net, do que Intecmar é socio. O principal obxectivo desta iniciativa é avanzar no desenvolvemento dunha rede de alerta de toxinas mariñas emerxentes e que se poida implementar na cadea de valor alimentaria, de xeito que aumente a seguridade do consumidor. Tamén busca establecer un posible indicador dos riscos relacionados co cambio climático.

O persoal do Intecmar deu conta aos representantes do sector do grao de implicación do centro en diferentes partes de Alertox-Net, como a participación no desenvolvemento de métodos analíticos para realizar o seguimento das toxinas emerxentes, o estudo da súa evolución e o intercambio de mostras co resto dos integrantes do proxecto. A reunión da Comisión do Mexillón celebrada hoxe estivo presidida pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e nela tamén participou a directora do Intecmar, Covadonga Salgado.

En Alertox-Net participan diversos centros de cinco países da Unión Europea. O seu consorcio internacional está liderado polo grupo de investigación Farmatox da Facultade de Ciencias Veterinarias da Universidade de Santiago de Compostela, do Campus de Lugo. Outros centros que forman parte del, ademais do Intecmar, son o Instituto Mariño de Galway, a Universidade Nacional de Irlanda, en Galway; a Universidade de Queens, de Belfast; o CEFAS, do Reino Unido; o Centro de Enerxía Atómica de París, o Ifremer, de Nantes; o CIIMAR, da Universidade de Porto, a Fundación AZTI, de Bilbao.