Vostede está aquí

Nova

A Xunta solicita ao Estado unha reunión en Galicia para explicar de primeira man a incidencia da modificación do regulamento da Lei de Costas aos afectados
  • As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar veñen de remitir unha carta ao secretario de Estado de Medio Ambiente na que solicitan que manteñan un encontro na Comunidade para clarexar aos perxudicados a situación de perigo e inseguridade xurídica na que quedan as empresas e equipamentos en Dominio Público Marítimo Terrestre
  • Reiteran que existen numerosos equipamentos e servizos públicos asentados en DMPT que se poderán ver afectados e que poderían complicar a súa prestación ou facelos inasumibles, sobre todo para os concellos máis pequenos
  • Asemade, a Xunta aproveitará o encontro para explicar as súas alegacións, que se centraron na necesidade de manter os criterios e condicións que se tiveron en conta no momento de outorgar as concesións de ocupación en dominio público marítimo terrestre

  • Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019.- A Xunta solicita por escrito ao Goberno do Estado unha reunión para trasladar de primeira man aos afectados toda a información que manexa sobre a incidencia da Modificación do Regulamento da Lei de Costas na Comunidade galega.

    As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, veñen de enviar unha carta ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, para solicitar que visite Galicia e manteña unha xuntanza co fin de clarexar a situación de perigo e inseguridade xurídica na que quedan as empresas e equipamentos que na actualidade se atopan en Dominio Público Marítimo Terrestre.

    No seu escrito, ambas conselleiras, amais de poñerse a disposición do secretario de Estado para a organización deste encontro, sinalan que os cambios que se introduzan con esta modificación ten suscitado ampla inquietude, intranquilidade e preocupación no tecido empresarial e social de Galicia, polo que trasladan a necesidade de celebrar un encontro para poder transmitir de primeira man ás entidades e administracións afectadas a información precisa que manexa a Secretaría de Estado de Medio Ambiente sobre este asunto.

    Tal e como trasladaron esta mesma semana aos representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), nunha reunión celebrada o mércores 10, a Xunta de Galicia cuantificou en case 5.000 o número de edificacións que se verán afectadas, integra ou parcialmente, pola modificación do Regulamento da Lei de Costas que está a tramitar o Goberno do Estado.

    Esta modificación terá incidencia nos 80 concellos costeiros de Galicia, é dicir, nos 2.500 quilómetros de costa, onde non só atopan empresas, senón tamén depuradoras, colexios, escolas infantís... polo que se verán afectados equipamentos e servizos públicos asentados en DMPT ou, incluso, podería complicarse a súa prestación e facelos inasumibles, sobre todo para os concellos máis pequenos.

    Asemade, a Consellería do Mar tamén analizou o impacto desta decisión do Goberno do Estado sobre o tecido económico, que afecta a máis 100 empresas de procesado de peixes e marisco, cultivos mariños , transformación e auxiliares. Tamén pode afectar aos períodos máximos de concesión dos parques de cultivos (só na zona de Carril hai identificados 1.600 parques de cultivo), e das bateas, polo que tamén poderían estar afectadas 3.500 explotacións; é dicir, as entidades asociativas de produtores base, como son os mariscadores.

    A Xunta defende que a Lei de Costas -na súa exposición de motivos- recolle que a natureza da prórroga excepcional é dar resposta á extinción das concesións que expiraron en 2018; polo que con carácter xeral, o prazo máximo desta prórroga extraordinaria fixouse en 75 anos para facela coincidir co novo prazo máximo que se poderá outorgar as concesións, na procura de estabilizar dereitos nun prazo temporal semellante.

    Esta cuestión é un dos argumentos que se empregan nas alegacións presentadas pola Xunta, é dicir, que se manteñan os criterios e condicións que se tiveron en conta no momento de outorgar as concesións de ocupación en dominio público marítimo terrestre; e que tamén trasladarán no encontro solicitado.