Vostede está aquí

Nova

A Xunta porá en marcha unha campaña para promover un maior consumo de produtos pesqueiros entre os ‘millennials’ galegos
  • Esta iniciativa, que difundirá os beneficios dos elaborados do mar a través das redes sociais, está destinada á xente nova de entre 18 e 30 anos
  • O obxectivo é dar continuidade ás accións dirixidas aos nenos, como ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’ ou ‘O sabor da aventura está no mar’, que chegaron xa a máis de 110.000 cativos de Galicia
  • O Executivo galego reafirma a súa aposta por traballar ao lado do sector conserveiro para que siga mellorando os seus resultados
     

  • Santiago, 16 de abril de 2018.- A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, defendeu hoxe no Parlamento o labor da Xunta para fomentar o consumo de peixe entre a poboación galega e destacou campañas postas en marcha nos últimos anos para impulsar o coñecemento e degustación dos produtos do mar por parte dos nenos -como Ponlle as pilas ao teu bocata ou O sabor da aventura está no mar-, ás que se sumará proximamente outra destinada aos consumidores da franxa de idade entre os 18 e os 30 anos, os chamados millennials.

    A representante do Executivo galego recoñeceu que é “fundamental que os galegos consuman produtos da pesca e da acuicultura” e destacou que aínda que os últimos datos de consumo entre a poboación galega non son os mellores, non quedan tan lonxe do que se considera aconsellable. “Efectivamente o recomendable é consumir peixe tres ou catro veces á semana, co que con dúas ou tres veces non estamos tan lonxe. Aínda que os datos non son malos, son mellorables, e niso estamos a traballar na Consellería”, remarcou a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

    Neste sentido, Mercedes Rodríguez defendeu que a Xunta é consciente da importancia de consumir produtos pesqueiros para mellorar a saúde e o estado xeral das persoas e que por iso iniciou campañas para a súa promoción entre os nenos como Ponlle as pilas ao teu bocata ou O sabor da aventura está no mar. Estas dúas accións, iniciadas no curso escolar 2010/2011, chegaron xa a máis de 110.000 cativos e no caso de O sabor da aventura está no mar, supuxo o recoñecemento de Europa como un exemplo de boas prácticas no uso dos fondos comunitarios e no que se refire ao seu contido e obxectivos.

    Un traballo de promoción que o Executivo galego quere estender á xente nova. “Conscientes como somos de que se estaba a producir unha falta de continuidade do consumo cando os nenos pasan a ser millennials, vense de adxudicar unha campaña de promoción para fomentar o consumo na franxa de entre 18 e 30 anos”, explicou a directora xeral de Pesca.


    Esta campaña consiste nun novo xeito de promoción pois recorre ás redes sociais para difundir os beneficios dos produtos do mar entre a xente nova. Ademais, esta iniciativa supón cumprir unha resolución aprobada polo Parlamento galego que instaba a promocionar o consumo de peixe e marisco entre os chamados millennials.

    Mercedes Rodríguez tamén lembrou que Galicia está a traballar na mellora da transformación e comercialización dos produtos do mar e salientou que, tras superar a barreira dos 2.000 millóns de euros en exportacións, xa é a décima potencia exportadora mundial de produtos pesqueiros por diante de países como Xapón ou Islandia.

    Capacidade exportadora da conserva

    Precisamente, a directora xeral de Pesca tamén abordou a capacidade exportadora da conserva nos últimos anos e destacou que o Executivo galego está a traballar “cóbado con cóbado co sector para favorecer os investimentos que dean lugar a unha mellora nos sistemas de produción e na calidade dos produtos”. Neste sentido, indicou que a Xunta concedeu desde 2017 case 31 millóns en axudas a investimentos en transformación e que na actual convocatoria están orzamentados outros 15 millóns de euros, con posibilidade de incrementar esa contía.

    No eido da promoción dos produtos galegos do mar, a representante do Goberno autonómico tamén fixo fincapé na presenza en feiras, “solicitada polo propio sector”, que permite mostrar a ampla oferta das empresas do eido mar-industria en lugares tan afastados como Boston ou Hong Kong e en eventos máis próximos pero de grande importancia para o sector como Colonia, París ou Bruxelas.