Vostede está aquí

Nova

A Comisión Europea escolle a marca galega de calidade 'pescadeRías' como exemplo de boas prácticas
  • Este recoñecemento pon en valor a utilidade deste selo que acredita a identificación dos produtos da pesca artesanal e do marisqueo cun alto nivel de frescura e que se comercializan por empresas situadas en Galicia
  • Súmase aos das campañas da Xunta ‘O sabor da aventura está no mar’ e ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’, seleccionadas tamén pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas

  • Santiago de Compostela, 20 de abril de 2019.- O selo de calidade da Xunta de Galicia pescadeRías, que ampara os produtos do mar galegos procedentes da pesca artesanal, foi escollido pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Este recoñecemento da FAME Support Unit pon en valor a utilidade desta marca que acredita a identificación dos produtos da pesca artesanal e do marisqueo cun alto nivel de frescura e que se comercializan por empresas situadas en Galicia.

    A distinción materialízase nun vídeo publicado pola Unión Europea no que se mostran os obxectivos do selo e a tipoloxía dos produtos e axentes que engloba facendo un percorrido polo camiño que seguen os produtos da pesca artesanal desde a súa extracción ata o seu consumo. A marca de calidade pescadeRías afecta a todos os elos da cadea de comercialización, é dicir, a produtores, lonxas, depuradores, distribuidores e restaurantes. Deste xeito, apórtase valor aos produtos máis frescos da pesca ao longo de toda a cadea.

    Este recoñecemento da UE como exemplo de boas prácticas súmase aos das campañas O sabor da aventura está no mar e Ponlle as pilas ao teu bocata, destinadas a promover o consumo de produtos do mar entre a poboación infantil. Desde a FAME Support Unit, ambos proxectos foron seleccionados como exemplos de boas prácticas financiadas co FEMP, no 2016 O sabor da aventura está no mar e no 2017 Ponlle as pilas ao teu bocata.

    FAME Support Unit da UE

    A FAME Support Unit é a oficina de seguimento e avaliación da pesca e da acuicultura no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento do Sistema Común de Seguimento e Avaliación relativo aos fondos estruturais e apoia á Comisión Europea e aos países da UE neste eido.

    Tamén ten entre os seus fins a creación de capacidade entre os estados membros e a Comisión sobre metodoloxías de avaliación e seguimento, indicadores e boas prácticas. Así, proporciona apoio a través de documentos de traballo, informes, historias que presentan bos proxectos, obradoiros, presentacións, avaliacións de necesidades e cursos de formación.