Vostede está aquí

Nova

A Xunta blinda a prestación do servizo de helicópteros contra incendios e de gardacostas coa fixación de servizos mínimos íntegros ante a folga
  • O acto de protesta foi convocado polos sindicatos da empresa que resultou adxudicataria do servizo mediante concurso público
  • A Consellería do Medio Rural e a Consellería do Mar regularán a prestación do servizo a través de sendas ordes ante o seu carácter esencial e de emerxencia
  • En ambos casos manteranse integramente as condicións que establece o contrato, para asegurar o seu cumprimento

  • Santiago de Compostela, 15 de maio de 2019.- A Consellería do Medio Rural e a Consellería do Mar publicarán mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) cadansúa orde para regular os servizos mínimos diante da convocatoria de folga realizada polos sindicatos da empresa Babcock, que resultou adxudicataria mediante concurso público da prestación de servizos aéreos da Xunta en materia de extinción de incendios forestais e tamén no que atinxe ao Servizo de Gardacostas.

    Malia que se trata dun conflito laboral alleo ao Goberno galego, dado que existe un contrato con esta empresa e que se trata dun servizo esencial, ambas consellerías deben garantir a prestación dos servizos necesarios nos termos previstos na lexislación vixente.

    Por iso, e dado o carácter de emerxencia dos traballos contratados con esta empresa, tramitouse a fixación dos servizos mínimos íntegros, previa audiencia aos representantes dos traballadores, a través das correspondentes ordes que, en todo caso, garantirán a adecuada intervención dos helicópteros en relación con este tipo de servizos.

    Así, na orde de Medio Rural considérase que os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para poder garantir a prestación do servizo público esencial de vixilancia e extinción de incendios e garantir a seguridade. No anexo desta norma debúllanse tanto os medios aéreos coma o persoal asignado que deben prestar servizos mínimos segundo cada unha das bases de helicópteros coas que conta a Xunta.

    Deste xeito, na práctica, manteranse integramente as condicións do servizo que establece o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga). Este plan recolle a operatividade dunha trintena de medios aéreos.

    No caso da Consellería do Mar, a orde que blinda o servizo establece que o salvamento marítimo ten prioridade en relación co dereito á folga pois está en xogo o dereito á vida e a integridade física das persoas. Por este motivo, as unidades aéreas que prestan este servizo deben permanecer operativas na súa totalidade co obxectivo de facer fronte con suficientes garantías ás emerxencias marítimas que puidesen xurdir durante o período de folga.

    A resolución tamén considera imprescindible que as dúas aeronaves adscritas ao Servizo de Gardacostas de Galicia -o Pesca 1 con base en Vigo e o Pesca 2 en Celeiro- estean operativas ao mesmo tempo xa que cada unha delas realiza o seu servizo nunha parte do litoral, garantindo a cobertura de todo o espazo costeiro galego. No anexo da orde detállase tanto o persoal de a bordo como o de mantemento que debe estar operativo en cada base durante as xornadas de folga para blindar a correcta prestación do servizo.