Vostede está aquí

Nova

O sector mexilloeiro galego aumentou un 24% a súa produción desde 2009 e preto dun 50% a súa facturación
  • A Xunta destaca a competitividade e o bo saber facer dos produtores de Galicia como claves do seu crecemento
  • O Executivo galego insiste na importancia de dar seguridade xurídica tanto ás concesións mitilícolas como ao resto da cadea mar-industria
  • Rosa Quintana anima ao sector a optar ás axudas convocadas polo Goberno galego para proxectos de acuicultura

  • A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na clausura da xornada ‘Innovación y Valorización del Mejillón de Galicia’

    Santiago, 16 de maio de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou hoxe que a innovación e a valorización do produto son dous ámbitos clave nos que debe traballar o sector do mexillón en Galicia para seguir aumentando a súa competitividade e mellorar aínda máis os seus resultados. A representante do Executivo galego participou na clausura da xornada Innovación y Valorización del Mejillón de Galicia, organizada pola Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) sobre un sector que marcou en 2018 as súas mellores cifras desde 2009. A produción deste molusco aumentou un 24% nestes anos e a súa facturación un 45%, mentres que o prezo medio subiu un 15%, datos que reflicten a competitividade dos produtores galegos.

    Precisamente, o sector mitilicultor deu un salto cualitativo en 2009 ao ver atendida a súa reivindicación de dar seguridade xurídica ás concesións administrativas coa entrada en vigor da nova Lei de Pesca de Galicia, que supuxo reiniciar o cómputo dos períodos concesionais outorgando outros 30 anos ou incluso incrementando ese período ata os 50 anos para maior tranquilidade dos propietarios.

    Neste sentido, Rosa Quintana salientou o “bo facer” do sector e incidiu na importancia do traballo conxunto coa Administración e cos distintos centros investigadores para seguir avanzando e mellorando os resultados da industria do mexillón, algo para o que é de vital importancia a seguridade xurídica das concesións tanto mitilícolas como de toda a cadea mar-industria.

    Co obxectivo de continuar con esa senda de crecemento, a titular de Mar animou aos representantes do sector a optar á orde de axudas publicada o pasado día 22 no Diario Oficial de Galicia para proxectos que fomenten o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura en colaboración con organismos científicos e universidades. Trátase da primeira vez que se saca esta orde no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e o prazo de solicitudes aínda non rematou, polo que os interesados aínda poden presentar proxectos.

    Obxectivos do encontro

    A xornada Innovación y Valorización del Mejillón de Galicia organizada por Opmega busca debater e pór enriba da mesa asuntos como a promoción e defensa do mexillón con Denominación de Orixe Protexida (DOP), a innovación en maquinaria e formatos de elaboración, a certificación sustentable ou o novo regulamento de detección de toxinas.

    Galeria de imaxes

    A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na clausura da xornada ‘Innovación y Valorización del Mejillón de Galicia’
    A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na clausura da xornada ‘Innovación y Valorización del Mejillón de Galicia’
    A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na clausura da xornada ‘Innovación y Valorización del Mejillón de Galicia’
    A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na clausura da xornada ‘Innovación y Valorización del Mejillón de Galicia’