Vostede está aquí

Nova

A Xunta denuncia as mentiras vertidas sobre a dragaxe do Lérez e trasládalle ao sector o estado actual da súa tramitación
  • A Consellería do Mar aclara que é rotundamente falso que se estean a verter lodos procedentes do Lérez en Sálvora e que Portos de Galicia autorizase o seu envío a este punto posto que non ten competencias para facelo
  • A tramitación da dragaxe está nunha fase moi inicial, polo que aínda non comezou, e buscarase en todo momento non prexudicar a actividade da frota
  • O Executivo galego salienta que a única decisión tomada é a de non levar os áridos a Tambo e que se están a estudar as posibles alternativas
  • Rosa Quintana lamenta a irresponsabilidade de determinados grupos por lanzar falsidades que xeran preocupación no sector e apela á seriedade de todas as partes implicadas para poñer fin a estas alarmas inxustificadas
     

  • Santiago, 11 de xuño de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniuse hoxe co presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña, cos patróns maiores de Ribeira e Aguiño e co alcalde en funcións de Ribeira para aclarar as mentiras vertidas nos últimos días en distintos eidos sobre a dragaxe do río Lérez e trasladarlles de primeira man en que punto se atopa a súa tramitación, na que o Executivo galego busca en todo momento non prexudicar a actividade da frota.

    A titular de Mar manifestou no encontro que é “absolutamente falso” que se estean a verter lodos procedentes do Lérez na illa de Sálvora, na ría de Arousa. Tamén desmentiu que Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, teña autorizado o envío dos áridos procedentes da dragaxe a ese punto posto que non ten competencias nin autoridade para autorizar o envío dos áridos a este ou outro emprazamento. Neste sentido, incidiu en que o proxecto está nunha fase moi inicial e que a dragaxe nin sequera comezou.

    Por iso, a conselleira do Mar quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos profesionais da pesca e do marisqueo. “Non sei de onde sae a intranquilidade se non é por moita irresponsabilidade de determinados grupos que semella que o único que queren é trasladar preocupación ao sector dicindo mentiras”, aseverou Rosa Quintana.

    Nesta liña, insistiu en que tamén se verteron falsidades sobre os restos da dragaxe do Lérez e aclarou que as propias análises que hai sobre eses áridos revelan que son inocuos. “Isto estará proximamente a disposición do público en xeral para que o poida ver e contrastar”, salientou a titular de Mar, que pediu tranquilidade ao sector pois “non se fará nada que o prexudique”.

    A representante da Xunta trasladoulle ao sector que a única decisión en firme xa tomada é que non se van enviar os áridos da dragaxe a Tambo, na ría de Pontevedra, e que o destino que se elixa, entre os puntos de depósito xa autorizados en Galicia desde 1998, non terá incidencia na actividade pesqueira e marisqueira. Nese sentido, indicou que se están a realizar os primeiros trámites e que se cumprirá estritamente a lexislación medioambiental. “Se algo me critica o sector é que tardamos moito en tramitar as dragaxes porque, precisamente, o primeiro que facemos é encargar estudos sobre o estado dos áridos e cal é o mellor destino para eles”, explicou a Conselleira do Mar.

    Por ese motivo, e para non danar ao sector, Rosa Quintana apelou á responsabilidade de todas as partes implicadas para frear as mentiras vertidas sobre este proxecto, demandado polo sector da ría de Pontevedra e que está pendente desde hai varios anos. “Apelo a que se deixe de crear tanta alarma inxustificada nun sector que xera unha actividade económica importante porque nós todo o que facemos é pensando na sustentabilidade da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola”, concluíu a titular de Mar.