Vostede está aquí

Nova

Os proxectos dos Grupos de Acción Local do sector pesqueiro permitiron crear máis de 1.200 empregos en Galicia desde 2010
  • As preto de 730 iniciativas aprobadas pola Xunta xeraron arredor de 500 postos de traballo directos a tempo completo e favoreceron o aumento do valor engadido bruto da economía galega en case 57 millóns de euros
  • As axudas concedidas nestes anos para accións de dinamización das zonas costeiras superaron os 40 millóns de euros
  • O ‘Diario Oficial de Galicia’ vén de publicar hoxe a ampliación en máis de 1,2 millóns de euros do crédito de 2019 para achegas vencelladas ás estratexias de desenvolvemento local participativo no litoral da comunidade
     

  • Santiago, 9 de xullo de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe no Parlamento que os proxectos desenvolvidos desde o ano 2010 no marco dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) -antes coñecidos como Grupos de Acción Costeira (GAC) e creados para favorecer a dinamización económica das zonas do litoral- permitiron xerar en Galicia máis de 1.200 empregos a tempo completo entre directos e indirectos e incrementar o valor engadido bruto do conxunto da economía galega en case 57 millóns de euros.

    A titular de Mar compareceu na Cámara galega para dar conta do impacto das estratexias de desenvolvemento local participativo dos GALP nas zonas costeiras de Galicia e analizou polo miúdo os investimentos feitos tanto na primeira fase destes proxectos -no marco dos GAC, entre 2010 e 2014- como na segunda -xa como GALP, de 2016 a 2020- así como os seus resultados en materia de iniciativas desenvolvidas, investimentos e empregos xerados.

    Na primeira etapa desta estratexia, financiada co Fondo Europeo da Pesca (FEP), a Xunta aprobou un total de 426 proxectos, aos que destinou de 23,2 millóns de euros en achegas. As iniciativas postas en marcha para dinamizar o litoral permitiron crear máis de 250 empregos directos grazas á “boa acollida” destes fondos por parte do sector.

    “A boa experiencia e as ensinanzas extraídas neste período levaron a Galicia a redobrar os esforzos por este obxectivo, algo que tamén nos permitiu a aposta ampliada por estes proxectos do novo regulamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)”, subliñou Rosa Quintana durante a súa intervención. Esta aposta decidida levou a aumentar o orzamento para estas iniciativas ata preto dos 58 millóns para o período 2016-2020.

    Só nos tres primeiros anos desta nova etapa, ata 2018, o Executivo galego aprobou 301 proxectos dos GALP, entre case 650 recibidos, e concedeu axudas por valor de 19 millóns de euros. Estes investimentos, que permitiron mobilizar outros 24 millóns de euros do ámbito privado, xeraron 267 empregos directos a tempo completo.

    Como mostra do compromiso da Consellería do Mar con este tipo de proxectos, Rosa Quintana tamén anunciou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar hoxe unha orde pola que se amplía en máis de 1,2 millóns de euros o crédito para a concesión de axudas para proxectos das estratexias de desenvolvemento local participativo. “Así poderanse atender máis iniciativas este mesmo ano”, detallou a titular de Mar.

    Obxectivos dos GALP

    As actuacións desenvolvidas polos GALP buscan aumentar o emprego e a cohesión social nas comunidades pesqueiras. De feito, os oito grupos actuais agrupan a 361 entidades sociais -105 delas do sector pesqueiro- e representan a máis de 11.000 persoas de todo o litoral de Galicia. Entre os obxectivos dos proxectos están a atracción de xente nova ás zonas costeiras, a promoción da innovación, o apoio á diversificación dentro e fóra do sector pesqueiro, o impulso do patrimonio ambiental e cultural, o reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e na cogobernanza dos recursos pesqueiros e a promoción das distintas actividades marítimas no ámbito local.

    “Nesta estratexia participativa reeditamos e ampliamos a cogobernanza co sector. Temos aínda retos futuros como o estímulo da presentación de proxectos por parte dos profesionais da pesca pero sabemos que iso vai parello a unha necesaria simplificación e axilización na aplicación do novo fondo marítimo pesqueiro”, concluíu a representante do Executivo galego. Precisamente, a Xunta xa está a facer xestións no marco da reforma do FEMP para que se simplifique a tramitación das axudas co obxectivo, entre outros, de dinamizar as zonas costeiras e evitar que queden fondos sen executar.
     

    print '

    Video

    ';