Vostede está aquí

Nova

Susana Lenguas traslada o seu compromiso con Galicia e co eido marítimo para potenciar as infraestruturas portuarias
  • A nova dirixente do ente público mostra a súa vontade de diálogo cos sectores pesqueiro, marisqueiro e acuícola co obxectivo de que os portos sexan un elemento facilitador da súa vida diaria

  • Rosa Quintana presidiu o acto de toma de posesión da nova presidenta de Portos de Galicia

    Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe o acto de toma de posesión da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas. A nova dirixente do ente público agradeceu á titular de Mar a confianza depositada nela para poñerse á fronte “deste novo reto” e amosou a súa satisfacción por permitirlle “sumar neste equipo de traballo ao servicio de Galicia”.

    Susana Lenguas salientou o reto que supón asumir esta nova responsabilidade, agradeceu o traballo do seu antecesor, José Juan Durán, “que deixa unha base e un listón moi alto”, e asegurou ser consciente da transcendencia económica e social que o mar e os seus portos teñen na comunidade. “É unha satisfacción incorporarme a este equipo de profesionais e poder ser un membro activo na súa xestión sabendo que todas as pezas son fundamentais para potenciar as infraestruturas portuarias”, subliñou a presidenta de Portos de Galicia.

    Para lograr ese obxectivo, prometeu o seu máximo compromiso “con Galicia, co seu sector marítimo-pesqueiro e con esta Administración autonómica” e confiou en desenvolver axeitadamente o labor encomendado en beneficio da comunidade galega. Neste sentido, trasladou a súa dispoñibilidade e vontade de diálogo e colaboración con todos os axentes implicados na actividade portuaria, especialmente pesqueira, marisqueira e acuícola, “co reto e empeño de que os portos sexan un elemento facilitador da súa vida diaria”.

    A nova presidenta de Portos de Galicia asegurou que porá todos os seus coñecementos ao servicio do ente público coa única finalidade de que o bo desenvolvemento do labor encomendado sexa en proveito de Galicia e do seu sector marítimo-pesqueiro. Neste sentido, aludiu á importancia que o traballo do ente público ten para os profesionais da pesca e do marisqueo así como para a actividade náutico-recreativa que se desenvolve nos peiraos de titularidade autonómica.

    Susana Lenguas, nada en Soria en 1970, é enxeñeira de Camiños, Canais e Portos pola Escola Técnica Superior de Cantabria desde 1995 na especialidade de Construción, organización e xestión de obras. Precisamente, a súa traxectoria profesional desde entón ata actualidade estivo vencellada sempre a esta rama de actividade, co traballo en distintas empresas do sector.

    Rosa Quintana, pola súa banda, agradeceu o labor desempeñado por José Juan Durán nos últimos case oito anos á fronte do ente público e enxalzou o feito de que a nova presidenta de Portos de Galicia asumise, sen dubidalo, o reto de sumarse ao proxecto da Consellería do Mar. Nesta liña, trasladou todo o seu apoio a Susana Lenguas e animouna a traballar da man do sector para superar os grandes retos que ten pendentes.