Vostede está aquí

Nova

Un total de 45 praias galegas acollerán a campaña da Xunta de sensibilización sobre a importancia do marisqueo e a problemática do `furtivismo de bañador´
  • Esta iniciativa arranca hoxe e prolongarase ata o 31 de agosto nos areais galegos que reciben máis visitantes e que contan con maior produción marisqueira e coincidindo coa época de maior afluencia de turistas
  • Dá continuidade á desenvolvida o verán pasado en 35 areais de 21 concellos e este ano repítese e amplíase co obxectivo de chegar a máis lugares
  • Cada verán o Servizo de Gardacostas realiza unha media de máis de 500 inspeccións nas praias galegas que se chegan a saldar cunha media de arredor dunha tonelada de marisco comisado

  • A Illa de Arousa (Pontevedra), 17 de xullo de 2019.- A Xunta levará a 45 areais galegos a campaña de concienciación Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, que se pon en marcha hoxe e se prolongará ata o 31 de agosto nas praias galegas que reciben máis visitantes e que contan con maior produción marisqueira e coincidindo coa época de maior afluencia de turistas. Así o lembrou Rosa Quintana durante a visita realizada ao posto desta iniciativa, que nesta xornada está na praia do Vao, no concello da Illa de Arousa, un dos 35 municipios aos que chegará esta campaña.

    A titular do Mar explicou que esta iniciativa de sensibilización dá continuidade á realizada o verán pasado en 35 areais de 21 concellos e que este ano se repite e amplía co obxectivo de chegar a máis lugares. Neste sentido, Rosa Quintana destacou que estará presente en dez praias máis e 14 concellos máis en relación ao ano pasado coa finalidade de seguir concienciando á cidadanía sobre a importancia do marisqueo e a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación.

    Esta importancia, especificou exemplifícana concellos como A Illa de Arousa, onde os mariscadores representan o 80% dos membros da confraría e onde o marisqueo e as algas supoñen a totalidade das descargas e facturación na súa lonxa. Ademais, recoñeceu o labor realizado por esta confraría, unha das máis activas no desenvolvemento de accións para concienciar á cidadanía en contra da problemática do furtivismo. Nesta liña, Rosa Quintana fixo fincapé na importancia de loitar xuntos contra a problemática do furtivismo de bañador, pór en valor o labor dos mariscadores e mariscadoras profesionais e facer un chamamento á responsabilidade de cada bañista.

    A este traballo de concienciación, lembrou a conselleira, súmase o que desenvolven o Servizo de Gardacostas de Galicia e cos corpos e forzas de seguridade do Estado. No caso do Servizo de Gardacostas a titular de Mar explicou que cada verán realiza unha media de máis de 500 inspeccións nas praias galegas que se chegan a saldar cunha media de arredor dunha tonelada de marisco comisado.

    Neste sentido, puxo de relevo que o furtivismo é un problema socioeconómico, xa que afecta aos mariscadores profesionais que teñen permiso de explotación, sementan o marisco, limpan as praias e pagan uns impostos. Tamén é un problema medioambiental, porque supón un prexuízo para o ecosistema, e de saúde, pois pode supor un risco para quen consume produto extraído e comercializado de xeito ilegal ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.

    A maiores Rosa Quintana lembrou que a campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear engádese a outras accións de sensibilización da Consellería do Mar. Unha delas é o proxecto piloto desenvolvido no 2016, que consistiu na entrega de 5.000 paipais en diversas confrarías da provincia de Pontevedra con mensaxes de concienciación. Outra é a aplicación móbil Non piques, non peques, que leva preto de 12.000 descargas nas distintas plataformas móbil e que contén información sobre a época óptima de consumo de produtos do mar.

    A campaña

    As accións que inclúe a iniciativa presentada na Illa consisten nunha dinámica de xogo educativo que pretende amosar o traballo que hai arredor do marisqueo e dos profesionais desta actividade. Nelas explícanse aspectos sobre as especies autóctonas de marisco, a importancia de respectar o traballo dos profesionais do marisqueo e a dureza deste labor. Tamén se expoñen diferentes labores que realizan as mariscadoras e os mariscadores como as sementeiras e a limpeza e cuestións relativas aos talles mínimos. A gastronomía, a seguridade alimentaria e a rastrexabilidade tamén se abordan de xeito ameno e práctico nas actividades desta campaña.

    Galeria de imaxes