Vostede está aquí

Nova

Galicia amosa á Unión Europea o potencial das súas lonxas

A Coruña, 18 de xullo de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá a lonxa da Coruña coa xefa da unidade de soporte estrutural no Atlántico, mar do Norte, mar Báltico e rexións ultraperiféricas, Alenka Kampl. Alí a representante da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca da UE (DG MARE) coñeceu na poxa de peixe fresco a experiencia da comunidade autónoma galega e dos seus profesionais na comercialización dos produtos do mar. Deste xeito comprobou de primeira man a actividade da lonxa da Coruña, un referente na primeira venda de pesca fresca en Galicia que o ano pasado rexistrou un volume de descargas de máis de 40.000 toneladas de produtos do mar por un valor de preto de 80 millóns de euros.

Alenka Kampl estará en Galicia hoxe e mañá e durante a súa estadía coñecerá da man da Consellería do Mar, a través de diferentes visitas, a actividade do sector conserveiro galego e da produción de peixes e de mexillón. Esta tarde tamén asistirá ao pleno do Consello Galego de Pesca, o órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento da Administración galega nos asuntos da pesca, marisqueo e acuicultura que colabora coa Consellería na elaboración da planificación e na programación de estudos sobre estas actividades para favorecer o seu desenvolvemento.

Galeria de imaxes