Vostede está aquí

Nova

Galicia busca atraer as novas xeracións á cadea mar-industria a través da FP Dual
  • Este ano o orzamento da Consellería do Mar no eido da formación subiu máis dun 4% e supera os nove millóns de euros
  • A comunidade autónoma galega defende de cara ao futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca a incorporación de medidas que axuden a facer dun barco un lugar máis acolledor e atractivo
     

  • A Guarda (Pontevedra), 26 de xullo de 2019.- A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, destacou hoxe na Guarda que a Xunta busca “facer atractiva a actividade da cadea mar-industria ás novas xeracións a través da Formación Profesional Dual”. Este proxecto, detallou a directora xeral, “aglutina os intereses da xuventude que aposta por este tipo de formación como o paso previo á súa inserción laboral, a experiencia da comunidade educativa e as necesidades da industria do mar”.

    Así o sinalou durante a inauguración das VI Xornadas internacionais de pesca sobre grandes migradores, onde tamén explicou que coa FP Dual o Goberno galego busca “mellorar a formación enfocada ao sector pesqueiro, garantir o relevo xeracional e evitar a falta de tripulación”. Un obxectivos, engadiu Mercedes Rodríguez, polos que a Consellería do Mar vén apostando. Neste sentido lembrou que este ano no eido da formación o orzamento volveu medrar, superando o 4% de suba e os nove millóns de euros e que desde o 2015 o incremento é do 32%. Este esforzo orzamentario, explicou a directora xeral, compleméntase cun incremento da partida destinada á incorporación de xente nova ao mundo pesqueiro, en máis do 25%.

    Ademais lembrou que nos últimos 10 anos saíron dos centros de formación dependentes da Consellería do Mar preto de 1.570 titulados profesionais en ensinanzas marítimo-pesqueiras con atribucións para exercer mando en buques de altura. Nesta liña Mercedes Rodríguez incidiu en que a Xunta defende unha formación que cumpra co dobre obxectivo de afianzar a capacitación e a experimentación práctica e de dotar as adecuadas atribucións, competencias e aptitudes aos futuros profesionais do mar.

    Esta aposta da Xunta tamén se reflicte nas propostas que fai Galicia de cara ao futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para o que a comunidade autónoma galega defende a incorporación de medidas coa mirada posta na renovación da frota. Medidas, especificou, “que axuden a facer dun barco un lugar máis acolledor e atractivo. É dicir barcos máis conectados, posibilitando o uso do internet e dunha comunicación diaria con terra e máis habitables, coas condicións laborais e de seguridade a bordo melloradas”.

    As xornadas

    Esta sexta edición das Xornadas internacionais de pesca sobre grandes migradores da Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) estará centrada nas titulación náutico-pesqueiras e a forma de mellorar as condicións de vida a bordo para impulsar o relevo xeneracional. Estas cuestións serán abordadas a través de diferentes mesas redondas, unha parte na que tamén participará a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, que intervirá na mesa redonda relacionada coa mellora das condicións de vida a bordo dos buques.