Vostede está aquí

Nova

A Xunta destaca que o Plan de saneamento da ría de Arousa está executado ao 80% e se investiron 56 millóns de euros que permitiron a mellora da calidade das augas
  • O Goberno galego avanza que a zona extractiva de entre canos, en Fefiñáns, acadará en setembro a clasificación estable como zona B
  • Desde o ano 2009 emendáronse 130 puntos de vertido contaminantes na ría de Arousa
  • Destacan que actualmente estanse a executar obras por 14 millóns de euros no saneamento de Rianxo e se prevé un investimento de 17 millóns en Cambados, Vilanova, A Illa e Vilagarcía
  • As obras de saneamento realizadas nos últimos anos na ría de Arousa trouxeron melloras na clasificación microbiolóxica de sete zonas de produción

  • Vilagarcía de Arousa, 30 de xullo de 2019.- O Plan de saneamento da ría de Arousa deseñado pola Xunta de Galicia para mellorar a calidade das augas desta contorna está executado xa por riba do 80% e supuxo xa un investimento de 56 millóns de euros que está a arroxar resultados positivos. Grazas ás infraestruturas executadas e á erradicación de vertidos ao mar, a zona marisqueira de entre canos, en Fefiñáns, acadará en setembro a clasificación microbiolóxica estable como zona B.

    Así o informaron esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que compareceron en rolda de prensa para facer balance dos avances neste Plan de saneamento, que suporá, en total, un investimento de 87 millóns de euros.

    Acompañadas da directora do Intecmar, Covadonga Salgado, e do xefe do departamento de Obras de Augas de Galicia, David Hernáez, as conselleiras subliñaron o importante traballo que está a desenvolver o Goberno galego para a acadar o obxectivo “irrenunciable” do saneamento integral das rías galegas. Con ese obxectivo, impúlsanse tres liñas de actuación: o control dos vertidos ao mar, a execución e posta en servizo de infraestruturas de saneamento e depuración e a xestión deses equipamentos.

    Ethel Vázquez salientou que desde o ano 2009 a Xunta conseguiu emendar 130 vertidos contaminantes á ría de Arousa e apuntou a necesidade de seguir traballando neste sentido coa responsabilidade dos concellos, xa que son os responsables de controlar as entradas na rede de sumidoiros.

    Xunto con isto, puxo en valor o esforzo do Goberno galego para pór en marcha infraestruturas de saneamento e depuración, tamén co fin de dar apoio aos municipios no exercicio destas competencias locais de tratamento das augas residuais. A este respecto, referiuse á aposta pola planificación e programación de investimentos a través dos plans de saneamento local das rías, que permiten obter un coñecemento exhaustivo dos sistemas e das súas necesidades de mellora.

    O Plan de saneamento local da ría de Arousa foi un dos primeiros impulsados pola Administración autonómica e marcou, dixo a conselleira, “un antes e un despois” no traballo pola mellora da calidade das augas mariñas galegas.

    Debido á lonxitude da costa e á súa alta ocupación poboacional, no caso da ría de Arousa o Plan de saneamento local desenvolveuse a través de 5 planificacións diferentes pero coordinadas entre si, que permitiron identificar e definir a forma máis eficaz e eficiente de mellorar os sistemas de augas residuais existentes e programar os investimentos necesarios.

    Seguindo esa folla de ruta, nos últimos anos executáronse a depuradora de Ribadumia, os colectores xerais do Grove, os colectores xerais e a depuradora de Corrubedo, así como os colectores xerais e a depuradora de Ribeira. Esta última actuación, a única desenvolvida polo Estado na ría de Arousa, supuxo un investimento total de preto de 18 millóns de euros, dos cales 7 foron achegados pola Xunta de Galicia, e foi a infraestrutura que permitiu que a día de hoxe o núcleo de Ribeira cumpra a normativa comunitaria en materia de augas.

    Ademais, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade sinalou o investimento de 1,2 millóns de euros no saneamento do Saco de Fefiñáns, que está a presentar xa unha evolución positiva na calidade das augas, tal e como confirmou a conselleira do Mar, que avanzou que en setembro se prevé que a zona de entre canos acade a clasificación como zona B de produción marisqueira.

    Ambas as dúas conselleiras puxeron en valor que ata o momento, o investimento no Plan de saneamento local da ría de Arousa é de 56 millóns, dos cales máis do 80%, un total de 46 millóns de euros, foron achegados pola Xunta.

    Isto permitiu avanzar no cumprimento da normativa comunitaria e no saneamento da ría de Arousa, que quedará completado cando se executen as actuacións pendentes. Actualmente estanse a executar obras por importe de 14 millóns de euros en Rianxo, coa ampliación da depuradora e o novo colector e tanque de tormentas e prevese un investimento de 17 millóns de euros na mellora dos sistemas de saneamento de Cambados, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa, ademais da mellora da depuradora de Vilagarcía .

    Desa forma, as conselleiras sinalaron que o investimento total do Goberno galego no saneamento da ría de Arousa acadará os 77 millóns de euros.

    Melloras en 27 zonas de produción marisqueira, 7 na ría de Arousa

    A conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalou que as obras de saneamento realizadas nos últimos anos por Augas de Galicia na ría de Arousa trouxeron melloras na clasificación microbiolóxica das zonas de produción (polígonos de bateas e bancos marisqueiros). Neste sentido destacou que das 27 zonas de produción de Galicia que experimentaron melloras entre 2009 e 2019, un 26%, é dicir sete, están na ría de Arousa. Delas, especificou, cinco son viveiros flotantes, o que supón 633 bateas e dúas son de moluscos infaunais e materialízanse en tres bancos marisqueiros e nunha superficie de preto de 470.000 m2.

    En canto ás 27 áreas de produción que melloraron a súa clasificación microbiolóxica en Galicia a conselleira do Mar detallou que sete son viveiros flotantes, que se materializan en máis de 740 bateas e 20 son moluscos infaunais, e representan 132 bancos marisqueiros e máis de 12 km2. Nestas melloras, engadiu a titular de Mar, tamén é importante destacar os labores de rexeneración en bancos marisqueiros, levados a cabo pola Consellería do Mar e polo propio sector. O obxectivo, destacou Rosa Quintana, é seguir nesta liña para facilitar a actividade e a vida dos profesionais do sector do mexillón e do marisqueo.