Vostede está aquí

Nova

O Servizo de Gardacostas intensifica a súa colaboración coa Cruz Vermella cedéndolle a embarcación ‘Pena Trevinca’
  • A Consellería do Mar realiza esta doazón logo de substituír á embarcación Pena Trevinca, que ata agora tiña a súa base en Portonovo, pola patrulleira Xistral
  • O Servizo de Gardacostas tamén cede á Cruz Vermella dous motores para labores de apoio nas tarefas de salvamento marítimo
  • Estas cesións súmanse ao convenio de colaboración anual en materia de inspección pesqueira, salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña ao que no máis recente a Xunta destinou arredor duns 30.000 euros

  • Sanxenxo (Pontevedra), 5 de agosto de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinou hoxe en Sanxenxo a cesión da embarcación Pena Trevinca do Servizo de Gardacostas de Galicia e de dous motores á Cruz Vermella. Con esta entrega, destacou a titular de Mar, a Xunta de Galicia intensifica a colaboración que vén mantendo coa Cruz Vermella en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación.

    A Consellería do Mar realiza esta doazón logo de substituír á embarcación Pena Trevinca, que ata agora tiña a súa base en Portonovo, pola patrulleira Xistral, que tiña base en Celeiro e que á súa vez foi substituída pola patrulleira lixeira Punta Promontoiro. Esta última é unha das cinco patrulleiras previstas no proceso de renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas de Galicia.

    A Pena Trevinca é do ano 1994, ten 10,97 metros de eslora e 3,90 metros de manga, un arqueo de 10,45 TRB e conta con dous motores. Ademais desta embarcación o Servizo de Gardacostas cede á Cruz Vermella dous motores para labores de apoio nas tarefas de salvamento marítimo e outros labores relacionados coa seguridade no mar. Este tipo de cesións, explicou a titular de Mar, son unha práctica habitual do Executivo galego para o aproveitamento máximo destes medios unha vez que rematan o seu labor ao máis alto nivel para o Servizo de Gardacostas.

    Neste caso con estas cesións desde a Xunta compleméntase a suma de sinerxías coa Cruz Vermella coa que a Consellería do Mar asina anualmente un convenio de colaboración en materia de inspección pesqueira, salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña, engadiu Rosa Quintana. Ao último a Administración autonómica destinou 30.000 euros para as actividades levadas a cabo e que comprenden, entre outros, exercicios prácticos de rescate e tarefas de busca de desaparecidos no mar.

    Neste sentido, a conselleira do Mar lembrou que o Servizo de Gardacostas e, en particular o salvamento no mar e a loita contra a contaminación mariña, son apostas blindadas para a Consellería do Mar e puxo como exemplo desa aposta a colaboración coa Cruz Vermella. Ademais subliñou que Galicia é a única comunidade autónoma que conta con Servizo de Gardacostas e explicou que os fondos destinados á operatividade deste servizo para este ano se incrementan en máis do 5% e superan os 14 millóns de euros.

    Rosa Quintana tamén aproveitou a ocasión para por en valor o importante labor que realiza a Cruz Vermella no eido do salvamento marítimo a través das seis bases que ten distribuídas polo litoral galego. Nesta liña fixo fincapé na importancia e na necesidade de sumar esforzos nos labores de salvamento e seguridade no mar.

    Galeria de imaxes