Vostede está aquí

Nova

Galicia promoverá melloras de eficiencia enerxética nas lonxas galegas para que reduzan o consumo de luz nun mínimo dun 40%
  • A Xunta destina máis de 250.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) a proxectos colectivos de mellora nas lonxas en materia de iluminación
  • O fin destas achegas é modernizar as instalacións de iluminación interiores das lonxas baseadas en tecnoloxía LED, modernizar ou incorporar sistemas de control de acendido e instalar sistemas de regulación do nivel de iluminación
  • Con elas a Xunta complementa a última convocatoria de axudas para modernización dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque na que aprobou 32 axudas a 26 confrarías por un importe de 800.000 euros
  • A confraría de Porto do Son contou cunha achega de preto de 5.000 euros que permitiu mellorar a iluminación na zona de poxa da lonxa con sistema LED e aforrar un 75% de consumo eléctrico nesta materia

  • Porto do Son (A Coruña), 13 de agosto de 2019.- A Consellería do Mar vén de convocar axudas destinadas ás confrarías de pescadores para proxectos colectivos de mellora nas lonxas en materia de iluminación. A elas a Xunta destina máis de 250.000 euros e con elas lograrase reducir como mínimo un 40% do consumo anual. Así o destacou hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha visita á lonxa de Porto do Son, unha das beneficiadas por este tipo de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

    A conselleira explicou que coa convocatoria, publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, a Xunta busca modernizar as instalacións de iluminación interiores das lonxas baseadas en tecnoloxía led, modernizar ou incorporar sistemas de control de acendido e instalar sistemas de regulación do nivel de iluminación.

    Deste xeito, destacou Rosa Quintana, Galicia dá un paso máis e complementa a última convocatoria de axudas para modernización dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque. No marco desa última convocatoria, expuxo, a Xunta aprobou 32 axudas a 26 confrarías por un importe de 800.000 euros para mellorar a calidade dos produtos da pesca, elevar o control e a trazabilidade dos produtos, incrementar a eficiencia enerxética e mellorar a seguridade e as condicións de traballo nas lonxas.

    Un dos proxectos financiados nesa convocatoria é o da confraría de Porto do Son, que contou cunha achega de preto de 5.000 euros e permitiu mellorar a iluminación na zona de poxa da lonxa con sistema LED, aforrar un 75% de consumo eléctrico nesta materia e resaltar mellor a frescura e calidade da pesca artesanal.

    No marco desa convocatoria resolta, a confraría de Porto do Son tamén recibiu unha axuda de 11.090 euros para adquirir preto de 30 contedores isotermos de distintos tamaños para o almacenamento e transporte de xeo. Rosa Quintana subliñou que este tipo de achegas reflicten a aposta da Xunta pola modernización e as novas tecnoloxías para manter o potencial de Galicia na venda dos produtos do mar. Na visita, a titular de Mar estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

    Solicitudes

    As confrarías de pescadores interesadas en solicitar estas axudas poderán consultar os requisitos e a documentación necesaria na orde publicada onte no Diario Oficial de Galicia. Ademais para documentación que deben achegar coa solicitude, entre ela a memoria de proxecto, poden consultar os modelos neste enlace da web da Consellería do Mar.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde hoxe e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

    Galeria de imaxes