Vostede está aquí

Nova

O Servizo de Gardacostas retirou no mes de xullo preto de 5.500 nasas caladas de xeito irregular na costa galega
  • A Consellería do Mar reforzou os controis trala veda do polbo cun aumento no número de inspeccións que derivou nun incremento do 60% das incautacións, das que o 95% foron nasas
  • Rosa Quintana lembra o compromiso do Executivo galego na loita contra o furtivismo e as medidas adoptadas para mellorar os medios técnicos e humanos do Servizo de Gardacostas para frear a actividade irregular
  • A titular de Mar chama á responsabilidade da cidadanía para que non adquira produtos fóra das canles legais de comercialización

  • Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 21 de agosto de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe que a Xunta mantén o seu compromiso na loita contra o furtivismo e para velar polo estado dos recursos e puxo como exemplo o reforzamento das inspeccións no mes de xullo, xusto coincidindo co final da veda do polbo, que permitiu retirar das costas galegas preto de 5.500 nasas que estaban caladas de xeito irregular. Isto equivale a que o 95% dos útiles incautados nese mes foron nasas, principalmente de polbo, un produto que resulta atractivo para os furtivos pola súa gran calidade e os prezos que acada no mercado.

    A titular de Mar acompañou aos axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia nun operativo pola ría de Arousa e salientou que no mes de xullo o ente dependente da Consellería do Mar realizou preto de 1.000 inspeccións, un 13% máis que un ano antes, detectou un 7% máis de infraccións que no mesmo mes de 2018 e se incautou de 5.700 útiles, un 60% máis que o pasado exercicio.

    Un traballo, remarcou, que dá continuidade ao xa feito no primeiro no primeiro semestre do ano, no que as incautacións case se duplicaron, ao pasar de 5.500 útiles requisados entre xaneiro e xuño de 2018 aos 10.400 contabilizados este ano, e dos que a maioría, preto do 70%, tamén foron nasas. “A coordinación e a estratexia son esenciais para abordar este problema. Por iso facemos controis da actividade por zonas, por épocas e por especies de maior relevancia”, salientou Rosa Quintana, que estivo acompañada polo subdirector xeral de Gardacostas, Lino Sexto.

    A representante da Xunta lembrou que o compromiso do Executivo galego na loita contra o furtivismo non é de agora e que leva tempo traballando para mellorar os seus medios técnicos e humanos co obxectivo de frear as actividades irregulares. Neste sentido, destacou o proceso no que está inmersa a Consellería do Mar de renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas, coa construción de cinco novas patrulleiras, o incremento do 5% no orzamento total do organismo para este ano ou a incorporación nos últimos exercicios de máis de 40 profesionais ao cadro de persoal.

    Todas estas medidas, incidiu a conselleira do Mar, permitirán seguir mellorando os datos da loita contra o furtivismo e frear un problema que o actual Goberno comezou a afrontar en 2009 coa posta en marcha do Plan integral de loita contra o furtivismo. Esa estratexia permitiu aumentar un 35% a media anual de inspeccións realizadas polo Servizo de Gardacostas, incrementar un 40% tanto as infraccións detectadas como as incautacións realizadas e triplicar os comisos de produtos extraídos de xeito irregular.

    Nesta liña, Rosa Quintana fixo un chamamento á cidadanía para que merque só produtos procedentes das canles legais, os únicos que contan con todas as garantías para o seu consumo. “Cando se consume peixe e marisco ilegal estase freando Galicia e tamén ese mar que nos move”, remarcou a titular de Mar en relación á importancia socioeconómica que as actividades pesqueira e marisqueira teñen na comunidade.

    Importancia do polbo

    Un exemplo desa relevancia é o polbo, do que na última campaña completa se comercializaron nas lonxas galegas preto de 2.000 toneladas de recurso. Esas vendas deixaron uns ingresos próximos aos 17 millóns de euros, a cifra máis alta da última década. Mentres, no primeiro mes da actual campaña poxáronse preto de 200 toneladas e os centros de primeira venda recadaron case 1,5 millóns de euros.

    Galeria de imaxes

    print '

    Video

    ';