Vostede está aquí

Nova

A Xunta apoia cunha achega 193.700 euros a modernización do centro de produción de ovas de troita de Baleira
  • O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou as instalacións da compañía Ovapiscis, que contou cunha axuda da Consellería do Mar destinada a apoiar os investimentos produtivos en acuicultura
  • Esta empresa lidera en Europa a produción de ovos de troita da especie do arco da vella e o 95% da súa produción expórtase, en especial a Irán, China e Perú

  • Baleira (Lugo), 11 de setembro de 2019.- A Consellería do Mar apoiou cunha achega de 193.700 euros as obras de modernización desenvolvidas no centro produtor da empresa Ovapiscis, emprazada no lugar de Fonteo, a escasos metros do nacemento do río Eo, no municipio lugués de Baleira.

    Esta achega, executada ao abeiro das axudas que a Xunta promove para investimentos produtivos en acuicultura, permitiu a adquisición de nova maquinaria e serviu para impulsar obras de adaptación e modernización das instalacións de produción de ova para caviar e venda.

    As melloras introducidas co apoio autonómico serviron tamén para reforzar un programa que garante a trazabilidade do produto ata que chega ao seu destino, permitindo determinar en todo momento o lote ou os lotes que compoñen unha expedición, a súa orixe, data de posta e fecundación, incidencias e condicións durante a incubación, selección, clasificación, embalaxe e transporte.

    Liderado do mercado europeo

    O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou as instalacións desta empresa, nas que destacou o feito de que o apoio da Xunta contribúe a consolidar o papel dunha compañía que lidera a produción de ovos de troita en Europa (da especie arco da vella) e que se sitúa como a segunda produtora no mundo.

    Ovapiscis naceu no ano 1994 no seo dun grupo de produtores de troita, coa idea de dispoñer durante todo o ano de ovos de calidade e xeneticamente orientados a dar o mellor rendemento nos individuos de engorde.

    Na actualidade, o 95% da produción desta compañía expórtase a máis de 22 países, entre eles China e Perú, malia que o seu principal consumidor e destinatario da produción é Irán.

    Por último, Balseiro sinalou que aínda que a gran maioría das axudas en materia de acuicultura van destinadas en Galicia á produción de mexillón, pola importancia e volume de produción desta especie, “tamén na nosa provincia atopamos proxectos, como o que hoxe visitamos, centrado na acuicultura continental e capaz de aproveitar o valor engadido dun produto, as ovas de troita, considerado como exquisito e altamente apreciado no mercado”.

    Galeria de imaxes