Vostede está aquí

Nova

Galicia promociona os produtos do mar na feira alemá Anuga a través de 17 empresas
  • Destas entidades, 12 están baixo o paraugas da Xunta e o resto acode de xeito independente
  • A Consellería do Mar está neste certame cun expositor de 231 m² no que alberga ás entidades coexpositoras e ofrece o servizo de axenda de negocios
     

  • Colonia (Alemaña), 8 de outubro de 2019.- A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, realizou hoxe un percorrido polos postos das empresas galegas da cadea mar-industria presentes na edición número 35 da feira Anuga, que acolle estes días a cidade alemá de Colonia. Destas entidades do eido marítimo pesqueiro, 12 van baixo o paraugas da Xunta e contan cun posto propio no expositor que ten a Administración galega nesta feira. Outras cinco empresas do sector transformador de produtos do mar acoden de xeito independente.

    A presenza da Xunta neste tipo de certames, explicou a directora xeral, é unha mostra da aposta do Executivo autonómico por mellorar a comercialización dos produtos pesqueiros co fin de chegar a novos mercados e de fomentar a internacionalización. Con ese obxectivo, a Consellería do Mar pon a disposición un servizo de axenda de negocios na feira para facilitar a ampliación dos contactos das empresas coexpositoras e tamén daquelas que se inscriban neste servizo.

    O expositor co que participa a Consellería do Mar en Anuga ten 231 m² de superficie no que alberga ás entidades coexpositoras, que son Conxelados Noribérica, Orbe, Pasteurizados Cíes, Conservas Mariscadora, Conservas Portomar, Connorsa, Pescados Rubén, Conservas Friscos, Conservas Cerqueira, Copesma Conxelados, Congalsa e Pescamar. Ademais asisten de xeito independente Frinsa, Conservas Albo, Conservas Calvo, Conservas Valcárcel e Jealsa Rianxeira.

    A feira Anuga é o certame máis importante de Europa no campo da agroalimentación. Está dirixida a un público exclusivamente profesional e nela danse cita cadeas de supermercados e distribuidores do sector, tanto de venda ao por maior como minoristas. É unha feira de carácter bienal e na edición anterior contou con 165.000 visitantes procedentes de 192 países. Nesta edición o certame conta con máis de 7.400 expositores de distintos sectores da alimentación, entre os que está representado o sector pesqueiro galego, e que se distribúen nun espazo de 280.000 metros cadrados.