Vostede está aquí

Nova

A Consellería do Mar enxalza o labor da asociación Emgrobes na difusión dos beneficios nutricionais dos produtos pesqueiros

O Grove (Pontevedra), 10 de outubro de 2019.- A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, agradeceu hoxe á asociación Empresarios Grovenses de Bens e Servicios (Emgrobes) o seu labor como divulgadora dos beneficios nutricionais dos produtos do mar e a promoción do seu consumo mediante a celebración desde hai once anos da xornada gastronómica A Cociña do Mar, titulada este ano As Conservas do mar. O acto, enmarcado na Festa do Marisco do Grove, serviu para destacar as bondades para a dieta de consumir conservas de peixe e marisco, as posibilidades gastronómicas que ofrecen e a promoción dos produtos de proximidade.

“O obxectivo é dar a coñecer a calidade, a orixe e a variedade dos produtos do mar e fomentar así a súa valorización e visibilidade”, destacou a representante da Consellería do Mar, que asegurou que este tipo de citas gastronómicas axudan a potenciar as singularidades de Galicia e a combinar os sabores tradicionais coas novas tendencias culinarias, o que contribúe á boa marcha do sector pesqueiro galego. Por iso, eloxiou a contribución de eventos coma este a acadar o obxectivo do Executivo galego de aumentar o consumo dos produtos do mar entre a poboación galega.

Galeria de imaxes