Vostede está aquí

Nova

A Consellería do Mar aumenta máis dun 50% en 2020 o orzamento para a renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas
  • A Xunta destina máis de seis millóns de euros para afrontar o pago correspondente da patrulleira de altura que substituirá á ‘Paio Gomez Chariño’ e doutra lixeira para ampliar a frota e que se están a construír na área de Vigo
  • Rosa Quintana explicou a preguntas dos xornalistas que as contas de 2020 pretenden blindar a protección e control dos produtos do mar, a mellora do medio mariño, o salvamento marítimo e a loita contra o furtivismo

  • Vigo, 18 de outubro de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe que a Xunta reafirma o seu compromiso coa protección e control dos produtos do mar, a mellora do medio mariño e o salvamento marítimo mediante un incremento do 3% desta partida nos orzamentos de 2020. A preguntas dos xornalistas trala súa participación nun seminario sobre o tratamento do lixo mariño, a titular de Mar salientou que a suba máis importante neste eido, do 56%, corresponde á renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas de Galicia, con máis de seis millóns de euros para afrontar o pago correspondente da patrulleira de altura que substituirá á Paio Gómez Chariño e doutra lixeira para ampliar a frota e que se están a construír na área de Vigo.

    Deste xeito, salientou Rosa Quintana, o Executivo galego busca blindar o sistema galego de busca, salvamento e intervención contra a contaminación mariña así como a loita contra o furtivismo. As contas para o próximo ano supoñen avanzar no plan de renovación parcial da frota deseñado pola Consellería do Mar, que prevé a construción de catro patrulleiras lixeiras aptas para tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo e participación en actividades de loita contra a contaminación mariña. A estas catro embarcacións lixeiras súmase unha patrulleira de altura que pretende substituír á Paio Gómez Chariño.

    Dúas desas unidades de menor porte xa foron entregadas, tanto a Punta Promontoiro como a Punta da Guía, mentres que as outras dúas patrulleiras lixeiras e a embarcación de gran porte están en pleno proceso de construción nun estaleiro da ría de Vigo.

    Esta renovación da frota de Gardacostas, lembrou a conselleira do Mar, súmase á mellora dos medios terrestres e á ampliación do cadro de persoal do organismo autonómico, que incorporou máis de 40 profesionais nos últimos anos para labores de inspección veterinaria e de loita contra o furtivismo.