Vostede está aquí

Nova

Portos de Galicia analiza co Concello de Camariñas a tramitación do proxecto de mellora da lonxa

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2019.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa do concello de Camariñas, Sandra Ínsua, para analizar as necesidades do eido portuario da zona. Un dos asuntos abordados na reunión foi a tramitación do proxecto de acondicionamento e melloras da lonxa de Camariñas, que está pendente dun informe do concello. En relación a este trámite, a alcaldesa de Camariñas trasladou á presidenta de Portos que o concello vén de elaborar en positivo o correspondente informe municipal para remitilo á Consellería do Mar.

Na xuntanza a rexedora camariñá tamén lle trasladou á presidenta de Portos o interese do Goberno local na concesión do edificio da lonxa vella e presentoulle un proxecto municipal para a súa rehabilitación e aproveitamento como Museo do mar e auditorio. Susana Lenguas manifestou o compromiso do seu departamento de estudar detidamente a viabilidade do anteproxecto, cun uso que deberá cumprir co establecido na Lei de portos de Galicia. Outro dos asuntos que trataron no encontro foi a mellora do pasamáns da ponte do paseo marítimo sobre a que Portos e concello acordaron estudar as mellores solucións. A presidenta de Portos e a alcaldesa de Camariñas tamén abordaron as necesidades e posibles actuacións de mellora no porto de Camelle.