Vostede está aquí

Nova

Galicia avanza na valorización dos descartes de pesca para o seu aproveitamento nos eidos alimentario e farmacolóxico
  • Rosa Quintana destaca que iniciativas coma esta permiten aproveitar recursos que antes se desbotaban e facer fronte á obriga de desembarque
  • A titular de Mar lembra que a Xunta conta con distintas liñas de axudas que promoven a innovación no sector pesqueiro coa finalidade de contribuír, entre outros obxectivos, á eliminación gradual dos descartes
  • O Executivo galego salienta que este tipo de proxectos contribúen a aumentar a competitividade da frota pesqueira e a garantir a sustentabilidade dos recursos e da actividade extractiva

  • Marín (Pontevedra), 23 de outubro de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe que Galicia está a traballar para adaptarse á obriga de desembarque a través de medidas para mellorar a xestión, optimizar a actividade extractiva e valorizar as capturas antes descartadas co obxectivo de que esta nova normativa non impida a actividade normal da frota. Un exemplo dese labor, explicou, é a planta piloto desenvolvida no marco do proxecto Life iSEAS para o procesado integral e a valorización dos descartes, no que participa o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e que visitou hoxe no porto de Marín.

    Esta instalación, deseñada para fins de demostración e non comerciais, permite procesar materia prima que antes non se aproveitaba co obxectivo de elaborar tanto produtos para o consumo humano como con aplicacións no eido farmacolóxico e na cosmética. Trátase dunha planta que xa está completamente operativa e que está a ter unha boa acollida no sector empresarial, industrial e no eido da I+D+i para aproveitar os seus resultados.

    Rosa Quintana explicou durante a visita, enmarcada na xornada O reto da redución dos descartes da pesca e a obriga de desembarque: proxectos Life iSEAS e Sicaptor, que este tipo de solucións innovadoras desenvolvidas en conxunto polas administracións e o sector buscan reducir as capturas non desexadas e mellorar a xestión dos recursos antes descartados. Neste sentido, lembrou que a Consellería do Mar conta con distintas liñas de axudas que promoven a innovación no sector pesqueiro coa finalidade de contribuír, entre outros obxectivos, a eliminar gradualmente os descartes, reducir as capturas accesorias, e introducir técnicas de pesca perfeccionadas e artes máis selectivas.

    A titular de Mar incidiu en que iniciativas coma esta teñen como obxectivo facer fronte aos problemas derivados da obriga de desembarque e ao mesmo tempo aumentar a competitividade da frota e garantir a sustentabilidade, tanto dos recursos como da actividade pesqueira. Nesta liña, lembrou que hai proxectos en marcha para o desenvolvemento de tecnoloxías para a dixitalización dos datos e a identificación e cuantificación de especies e biomasa descartada, sistemas de clasificación e cuantificación de capturas, procesos de valorización dos descartes de pesca e aparellos de pesca innovadores e máis selectivos.

    Precisamente, un dos proxectos analizados durante a xornada de hoxe foi o Sicaptor, que pretende mellorar o sistema iObserver -desenvolvido no marco do Life iSEAS-, que permite cuantificar de forma automática as capturas e descartes da pesca a bordo dos pesqueiros. Este dispositivo saca fotografías ao peixe que pasa pola cinta, identifica a especie á que pertencen os exemplares e fai unha estimación do seu talle e peso así como da cantidade total de biomasa capturada.

    O obxectivo do Sicaptor é recorrer á intelixencia artificial para descompoñer en valores singulares esa información e identificar e cuantificar de xeito fiable as capturas incluso cando os exemplares están solapados ou superpostos. Un proxecto que pretende axudar ao sector a tomar as mellores decisións en tempo real ao coñecer a composición dos stocks nos que se está a traballar en cada momento.

    Galeria de imaxes