Vostede está aquí

Nova

Galicia cifra en dez millóns de euros ao ano a mingua de ingresos da frota de palangre polo veto a desembarcar cortadas as aletas dos tiburóns
  • Un informe da Universidade de Santiago mostra que a aplicación desta prohibición lastra a facturación do sector ao reducirse a capacidade de almacenamento das bodegas dos pesqueiros e perder calidade o produto
  • A Xunta volverá pedir ao Estado que defenda firmemente ante a UE e ante a Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico e outras organizacións rexionais de pesca que esta normativa se estenda ás frotas de todos os países
  • A conselleira do Mar salienta a necesidade de homoxeneizar a situación e acabar coas desvantaxes nas que se atopan os buques palangreiros galegos

  • Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe o Consello Galego de Pesca no que, entre outros asuntos, se expuxeron os resultados do informe Impacto económico para a frota palangreira de superficie galega da prohibición do cercenamento das aletas dos tiburóns, elaborado pola Universidade de Santiago e que revela que a prohibición de desembarcar cortadas as aletas dos tiburóns supón unha mingua nos ingresos da frota palangreira española -principalmente galega- de ata dez millóns de euros anuais.

    O estudo, elaborado polo Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais, analiza o impacto da normativa que impide cortar a bordo as aletas ás quenllas e marraxos e incide en que esa obriga leva aparellada unha redución na capacidade de almacenamento das bodegas dos barcos e unha minoración do valor do peixe que provoca importantes prexuízos económicos para a frota comunitaria en relación coas doutros países non obrigados a cumprir esa regulación.

    Por iso, a conselleira do Mar explicou que Galicia volverá a pedir ao Estado que defenda firmemente ante a Unión Europea e ante a Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat) e outras organizacións rexionais de pesca a necesidade de estender a todas as frotas a prohibición de cortar as aletas aos tiburóns para homoxeneizar a situación e acabar con esas desvantaxes nas que se atopan os buques palangreiros galegos.

    “Estamos a falar disto nun momento no que o gasóleo aínda ten un prezo asumible e as empresas poden manter a súa viabilidade, pero se se dese a circunstancia dunha suba do combustible, unha frota tan dependente dos carburantes vería seriamente prexudicada a súa rendibilidade”, lamentou Rosa Quintana, que lembrou que os buques galegos de palangre de superficie desenvolven unha actividade sustentable e responsable cos recursos.

    A conselleira incidiu ademais en que se trata “dun informe independente”, polo que pedirá que sexa tido en conta polas autoridades españolas e comunitarias. “Nós xa viñamos demandando a necesidade de non ter normas tan restritivas que, desde o noso punto de vista, prexudican moito á nosa frota pesqueira en relación con outras. Agora contamos cun estudo oficial que o documenta”, aseverou a representante do Executivo galego.

    O Consello Galego de Pesca, que gardou un minuto de silencio en recordo do mariñeiro do pesqueiro Novo Cristo da Laxe falecido esta semana, tamén abordou outros asuntos como o estado da pesqueira de cigala en augas do Cantábrico -na zona VIIIc-, sobre a que se analizou un informe elaborado polo sector que mostra que a especie se encontra en mellor situación da que a Comisión Europea recoñece. “Aquí trátase de traballar con argumentos sólidos, con base científica, e ser capaces de convencer a Bruxelas para que sexa coherente co estipulado na Política Pesqueira Común (PPC) e facer a pesca sustentable nos tres eidos, no medioambiental, no económico e no social”, concluíu a titular de Mar.

    O pleno do Consello Galego de Pesca tamén analizou outros asuntos como a proposta de elaboración dun ditame de posición ante a Unión Europea para renovar o acordo de pesca con Mauritania ou as informacións recadadas en relación á nova norma estatal que obriga a controlar o horario laboral no sector pesqueiro e que a frota galega rexeita por ir en contra das características da propia actividade.