Vostede está aquí

Nova

Portos de Galicia pon desde hoxe a disposición dos bateeiros do peirao do Xufre 128 prazas de amarre
  • O ente público dependente da Consellería do Mar recibiu hoxe estas instalacións para que o sector mexilloeiro deste peirao da Illa de Arousa poida usalas de xeito inmediato

  • Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019.- Portos de Galicia pon a disposición do sector mexilloeiro do porto do Xufre 128 novas prazas de amarre neste peirao da Illa de Arousa para embarcacións con esloras de entre 14 e 22 metros. O ente público dependente da Consellería do Mar recibiu hoxe estas instalacións para que os bateeiros deste porto poidan usalas de xeito inmediato.

    Esta dotación foi consensuada previamente co sector, adxudicada por un orzamento de preto de 3,4 millóns de euros e dará resposta a unha demanda histórica dos profesionais arousáns. As instalacións para o atraque están na dársena central do porto, que é onde as embarcacións mexilloeiras realizan os labores de descarga e están realizadas con pantaláns de formigón armado de tres metros de longo.

    Esta dotación de prazas de amarre para bateeiros complementa a realizada en 2017 para a creación de máis de 300 prazas de amarre para embarcacións pesqueiras, que contou cun investimento de 700.000 euros. Así mesmo, entre os anos 2009 e 2010 executouse a ampliación do peirao, cun investimento de 3,1 millóns de euros, e en 2013 investíronse 1,2 millóns na instalación do dique de abrigo aboiante.